A Agasp acolle en maio unha xornada sobre intervencións en casos de persoas desaparecidas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do encontro, que se desenvolverá os días 3 e 4 para afondar nos protocolos de actuación e nos recursos

O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase ata o 28 de abril

A Estrada (Pontevedra), 17 de abril de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dunha xornada sobre persoas desaparecidas que vai ter lugar os días 3 e 4 de maio na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). O obxectivo da iniciativa é afondar no desenvolvemento dos protocolos de actuación ante a desaparición dunha persoa no medio rural. O encontro está dirixido a persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias, e dos corpos e forzas de seguridade, así como a toda a cidadanía interesada.

A primeira sesión centrarase durante a mañá nos contidos teóricos. Abordaranse así o concepto de persoa desaparecida e as actuacións e recursos de distintas unidades e servizos, como a Unidade Técnica da Policía Xudicial, a Unidade Cinolóxica da Garda Civil, a unidade de drons da Xunta, os servizos de extinción de incendios e salvamento, as unidades caninas, as agrupacións de Protección Civil, o Centro Nacional de Desaparecidos ou a Asociación SOS Desaparecidos. Xa pola tarde haberá unha mesa redonda para a posta en común e o debate sobre estes temas.

Na segunda xornada realizaranse prácticas sobre a planificación e xestión dunha busca desde o posto de mando avanzado, exercicios con unidades caninas e con drons. A duración do encontro será de 11 horas e ao remate entregarase un certificado de asistencia.

As persoas interesadas en asistir poden formalizar a inscrición a partir de mañá e ata o 28 de abril a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na web da Agasp.  

Data de actualización: 17/04/2023