Comesaña e Quintana gaban a traxectoria do doutor Rafael López, nomeado fillo predilecto de Vilamartín de Valdeorras

Os responsables de Sanidade e Mar destacaron o labor profesional do Oncólogo, poñendo en valor o seu traballo no eido profesional, da investigación e da docencia

Vilamartin de Valdeorras (Ourense), 14 de abril de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira do Mar, Rosa Quintana; gabaron esta mañá a traxectoria do doutor Rafael López lópez, quen foi distinguido como fillo predilecto do concello de Vilamartín de Valdeorras.

Durante o acto, celebrado no salon de plenos do consistorio municipal, o titular de Sanidade salientou o labor desempeñado polo doutor López durante todos estes anos,  cualificando as súa contribución profesional como “decisiva no avance da medicina na nosa comunidade”.

Neste senso puxo en valor o seu traballo como Xefe de Servizo de Oncoloxía no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, apuntado que baixo a súa coordinación, “este servizo converteuse nun dos mellores servizos de Oncoloxía de toda España”.

Así mesmo, subliñou o seu traballo como responsable do grupo de investigación de oncoloxía médica traslacional (ONCOMET) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, un liderado que contribuíu a situar Galicia como referente da investigación contra o cancro, no máis alto nivel internacional.

Na mesma liña, Rosa Quintana salientou as achegas de Rafael López no eido da da docencia e da investigación clínica. Así, destacou as súas achegas como membro numerario da Real Academia de Medicina de Galicia; como vicepresidente da asociación española de investigación contra o Cancro; ou tamén como presidente da fundación ECO, para a Excelencia e Calidade da Oncoloxía. 

Durante o acto, ambos os dous conselleiros coincidiron en subliñar que o nomeadamento como fillo predilecto de Vilamartín de Valdeorras no só recoñece “a un excelente profesional e reputado oncólogo”, senón que tamén “a unha persoa afable, cercana e dunha enorme talla humana”.

Así, pecharon a súa intervención agradecendo a capacidade do doutor Rafael López para “xerar coñecemento, aplicalo na mellora da calidade de vida dos pacientes e na mellora do Servizo Galego de Saúde, e tamén por transmitir e ensinar o seu saber ás novas xeracións de médicos”.


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2023