Galicia solicita ao Goberno central unha reunión con todas as comunidades para abordar a futura lei de vivenda

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, envía unha carta á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para esixir a convocatoria “coa maior urxencia posible” dunha Conferencia Sectorial de Vivenda e Solo

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2023

A Xunta de Galicia acaba de solicitar ao Executivo central que convoque a todas as comunidades a unha Conferencia Sectorial de Vivenda e Solo para abordar o contido do proxecto da Lei polo dereito á vivenda.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, remitiu onte unha carta á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para pedirlle a convocatoria desta reunión “coa maior urxencia posible” debido “á transcendencia” do asunto que se pretende tratar.

Tras facerse público o acordo entre o Goberno central e os grupos parlamentarios de Esquerra Republicana e EH Bildu con relación a certos aspectos do proxecto lexislativo, a responsable galega expón na súa misiva a inquedanza da Xunta ante a “preocupación” e as solicitudes de información que está a suscitar entre os diferentes colectivos profesionais do sector da vivenda en Galicia a futura normativa estatal, que actualmente se atopa na recta final da súa tramitación no Congreso dos Deputados.

Nesta mesma liña, a Xunta ten constancia de que tamén outras comunidades autónomas se sumaron á demanda galega e se dirixiron ao Goberno central para solicitar unha Conferencia Sectorial urxente na que se poida tratar o tema.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2023