Fernández-Tapias salienta o papel de Natalia Botana como “figura clave” na loita contra a pandemia

A delegada territorial da Xunta en Vigo asistiu este venres ao acto de ingreso da xefa territorial de Sanidade na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

“O seu papel foi fundamental nos labores de vixilancia epidemiolóxica durante os duros meses de incerteza que vivimos e que agora parecen xa esquecidos”, sinalou
 

Vigo, 14 de abril de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este venres no solemne acto de ingreso de Natalia Botana Rey, xefa territorial de Sanidade, na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. A cerimonia, celebrada no Auditorio da Delegación do Goberno galego en Vigo, contou tamén coa presenza da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Parrondo, e do secretario xeral técnico de Sanidade, Alberto Fuentes.

“O papel de Natalia foi fundamental nos labores de vixilancia epidemiolóxica durante os duros meses de incerteza que vivimos e que agora parecen xa esquecidos, a súa figura foi clave á fronte do equipo que liderou a xestión da pandemia da Covid-19”, sinalou Fernández-Tapias durante a súa intervención no acto.

A viguesa Natalia Botana Rey é actualmente a xefa de servizo de Control de Riscos Ambientais e xefa territorial da Consellería de Sanidade na provincia de Pontevedra desde 2013. Licenciada en Veterinaria con Grao Notable pola Universidade Complutense. Ingresou no ano 2000 na Xunta de Galicia como inspectora veterinaria do Servizo de Gandería e tamén desempeñou cargos en Bruxelas como experta nacional da Comisión Europea para a Dirección Xeral do Mar.


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2023