O Día da Xuventude da Xunta chega a Lalín con numerosas actividades gratuítas de ocio educativo

Hai actividades desde as 13:00 horas ata as 14:30 horas e desde as 16:30 horas ata as 20:00 horas

Celébranse obradoiros sobre cociña saudable, graffiti, protección do medio ambiente, igualdade de xénero ou empregabilidade, entre outros

Comezará cunha actuación musical a cargo de Iria e Diego
 

Lalín (Pontevedra), 15 de abril de 2023

O Día da Xuventude chega este sábado á Praza da Igrexa de Lalín para ofrecer á mocidade actividades de ocio e de formación durante toda a xornada, que contará con diferentes obradoiros, así como xogos para achegar un lecer saudable á xuventude da comarca.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse ata o Día da Xuventude celebrado na capital dezá para explicar que é unha actividade que se nutre dunha ampla programación para o entretemento e aprendizaxe de mozas e mozos. Así mesmo recordou que este programa favorece a conciliación da vida familiar e laboral.

As actividades comezan ás 13:00 horas cunha actuación musical de Iria e Diego e prolongaranse ata as oito da noite, a xente nova que se achegue poderá participar en obradoiros dinámicos de cociña saudable, graffiti, igualdade de xénero, protección do medio ambiente e empregabilidade.

As últimas paradas

Despois de celebrarse en Lalín recalará en Negreira o 16 de abril, de 10 a 15 horas na Praza do Concello; en Verín, o 22 de abril, de 16 a 21 horas na Praza García Barbón (Praza Maior); e en Arzúa, o 6 de maio de 16 a 21 horas na Praza do Concello.

Data de actualización: 15/04/2023