A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou nun relatorio no marco das xornadas A transición ecolóxica no condado Paradanta

A Xunta resalta os instrumentos que ofrece a Lei de recuperación para a ordenación de usos do territorio e a mobilidade de terras

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou nun relatorio no marco das xornadas A transición ecolóxica no condado Paradanta, organizadas polo GDR local

Inés Santé explicou o futuro Mapa de usos agroforestais de Galicia, que reflectirá o emprego das terras agroforestais e servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia

Tamén abordou o Catálogo de solos agropecuarios e forestais, un instrumento que clasificará a totalidade dos terreos agroforestais e agropecuarios ou forestais en función da súa aptitude produtiva actual e potencial

Con respecto á mobilidade de terras, a directora xeral destacou os diversos instrumentos xa en funcionamento que brinda a Lei de recuperación como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario

As Neves (Pontevedra), 14 de abril de 2023 A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe nun relatorio no marco das xornadas A transición ecolóxica no condado Paradanta, organizadas polo grupo de desenvolvemento rural (GDR) Condado Paradanta. Na súa intervención, a directora xeral resaltou os instrumentos que ofrece a Lei de recuperación para a ordenación de usos do territorio e a mobilidade de terras.

Así, Inés Santé explicou o futuro Mapa de usos agroforestais de Galicia, que reflectirá o emprego das terras agroforestais e servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia. Así mesmo, tamén abordou o Catálogo de solos agropecuarios e forestais, un instrumento que clasificará a totalidade dos terreos agroforestais e agropecuarios ou forestais en función da súa aptitude produtiva actual e potencial a partir da análise de factores físicos, ambientais, estruturais e socioeconómicos. Tanto nos terreos agropecuarios como nos forestais o Catálogo identificará os solos de alta produtividade agropecuaria e forestal, respectivamente.

Por outra banda, con respecto á mobilidade de terras, a directora xeral destacou os diversos instrumentos xa en funcionamento que brinda a Lei de recuperación como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario.  

No caso do polígonos, trátase dunha ferramenta que ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, indicou Inés Santé. Neste sentido, cabe sinalar que actualmente hai 21 polígonos agroforestais en distintas fases de actuación na nosa comunidade. 

Así mesmo, ademais destes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, coas que se busca recuperar de xeito sustentable terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, previr incendios, aclarou a directora xeral.  

Ademais, -segundo explicou Inés Santé- a Lei tamén contempla un apartado especial para as permutas de especial interese agrario. Así, foméntase o uso voluntario das permutas para acadar unha maior ordenación de usos no rural galego, especialmente onde así o requiran as explotacións xa existentes para dotarse dunha maior base territorial ou para mellorar a súa sostibilidade. Actualmente en Galicia hai téñense impulsado permutas voluntarias no concello de Friol, na provincia de Lugo. 

Así, a Lei de recuperación, en pouco menos de dous anos de vixencia, xa conseguiu mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade en toda a comunidade para promover a súa posta en valor.

Data de actualización: 14/04/2023