Sergas e Mesa sectorial acordan abordar o vindeiro 20 de abril as condicións retributivas do persoal estatutario e MIR

Na xuntanza tamén se abordarán as gardas e a atención continuada de todo o persoal, así como as retribucións vencelladas aos factores de festividade e nocturnidade en días de especial significación (24 e 31 de decembro)

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023 A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo; presidiu esta mañá, na compaña da directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez; unha nova xuntanza da Mesa sectorial de Sanidade na que están representadas os sindicatos (CIG, SATSE, CCOO, CSIF e UGT) para continuar coas negociacións previstas en materia de persoal.

Neste sentido, acordouse que o vindeiro día 20 de abril, as partes tratarán en primeiro lugar as condicións retributivas do persoal estatutario e o persoal residente en formación do Servizo Galego de Saúde.

Ademais, abordaranse as gardas e a atención continuada de todo o persoal, así como as retribucións vencelladas aos factores de festividade e nocturnidade en días de especial significación (24 e 31 de decembro).

Esta negociación afecta a 43.000 traballadores pertencentes a todas as categorías profesionais, así como tamén aos residentes en formación. Así mesmo, poranse sobre a mesa as retribucións do resto de servizos de saúde das comunidades autónomas e compararanse coas do Sergas, coa finalidade de negociar posibles melloras e un cronograma de actuación.

Na xuntanza da Mesa, tamén se analizarán as condicións de traballo de persoal residente en formación, cunha clara intención de revisar a aplicación das libranzas e quendas de garda en cada centro de xestión, a través das comisións de seguimento do acordo constituídas en cada área, e que son froito do acordo asinado en 2007 de condicións de traballo de persoal residente, retomándose as negociacións no seo da comisión de seguimento de dito acordo onde está tamén presente CESM.

Por otra banda, tamén se abordaran as prazas do concurso de traslados e; en canto a postos de difícil cobertura, proximamente iniciarase a negociación para proceder cunha nova identificación de postos de difícil cobertura, e os incentivos aplicables tanto en atención primaria como en hospitais comarcais.

O acordo acadado enmárcase na senda de negociación, como o recentemente asinado o pasado 31 de marzo de 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023