Así o indicou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, en resposta a unha pregunta no marco da Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta blinda un orzamento de 21 M€ para continuar desenvolvendo nos vindeiros anos obras de eliminación de tramos de concentración de accidentes

Francisco Menéndez explica que Galicia é a única Comunidade Autónoma que conseguiu que os fondos FEDER financien estas actuacións de seguridade viaria, cuxa execución se cofinanciará con investimento autonómico

Destaca que as obras da Estratexia de supresión dos treitos de concentración de accidentes, cun investimento de 16,8 M€, permitiron reducir un 60% a sinistralidade nestes puntos

Sinala que estas intervencións se enmarcan no Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, unha ferramenta global con “visión cero”, para reducir ao mínimo posible as vítimas en accidentes
 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, destacou hoxe no Parlamento que a Xunta ten blindado un orzamento de 21 M€ para continuar desenvolvendo actuacións de eliminación de tramos de concentración de accidentes nos vindeiros anos.

En resposta a unha pregunta na Comisión 2ª da Cámara autonómica, Francisco Menéndez referiu o traballo para reforzar a seguridade viaria nas estradas de titularidade da Xunta.

Destacou o impulso da Estratexia da eliminación de treitos de concentración de accidentes, atendendo a un mandato parlamentario, xa que en outubro de 2017 o Pleno do Parlamento galego aprobou un acordo no que se instaba á Xunta a protexer aos usuarios máis vulnerables das estradas e a mellorar a seguridade en todos os treitos de concentración de accidentes nas vías autonómicas; un acordo que tamén instaba ao Goberno de España a realizar o propio nas estradas de competencia estatal.

Francisco Menéndez referiu que as obras levadas a cabo no marco desta Estratexia de supresión de concentración de accidentes, cun investimento de 16,8 millóns de euros, permitiron reducir un 60% a sinistralidade nestes puntos.

Dada a eficiencia das intervencións, detallou que os Orzamentos da Xunta para 2023 concretan a planificación de dúas partidas, unha coas últimas actuacións da Estratexia de eliminación treitos de concentración de accidentes, e outra con continuidade nos vindeiros anos con fondos europeos, e que permitirá desenvolver unha nova estratexia e a supresión de obstáculos nas marxes para conformar as “estradas que perdoan”. Subliñou que Galicia é a única Comunidade Autónoma que conseguiu que os fondos europeos FEDER financien este tipo de actuacións.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas lembrou que, ata o agora, todo o financiamento do programa, que ascende a 16,8 M€, foi financiado integramente con fondos propios da Xunta.

Indicou que as actuacións recollidas cando se puxo en marcha esta estratexia están a piques de culminar co remate dos últimos traballos en vías autonómicas en Cangas, Moaña, Ponteareas e Sanxenxo. Así, as intervencións en todos os treitos identificados como de concentración de accidentes supuxeron o acondicionamento de 119 interseccións, a construción de 24 novas rotondas ou a mellora de 138 pasos de peóns para unha mellor accesibilidade e seguridade.

Plan de Seguridade Viaria 2022-2025

Francisco Menéndez explicou que estas actuacións están enmarcadas no Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, unha ferramenta global deseñada con “visión cero”, é dicir, co obxectivo de reducir ao mínimo posible as vítimas en accidentes e a meta final de cero vítimas.

Xunto ao enfoque de “visión cero”, o Plan de Seguridade Viaria 2022-2025 tamén recolle o concepto de “sistema seguro”, baseado en que os falecidos e feridos en accidentes de tráfico non son unha consecuencia inevitable da mobilidade polo que, aínda que se sigan producindo sinistros nas estradas, o obxectivo é evitar as consecuencias máis graves.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023