A Xunta destaca a contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento social e económico de Galicia

Lugo, 16 de abril de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe o papel das mulleres rurais de Galicia na apertura do XIX Foro da Igualdade que organizou a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) en Lugo co apoio da Xunta. López Abella salientou a contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento social e económico de Galicia e, en concreto sobre Femuro, puxo en valor a súa experiencia e traballo no ámbito da conciliación, corresponsabilidade e na prevención e sensibilización contra a violencia de xénero. Femuro conta con máis de 60 entidades de mulleres rurais asociadas e foi en 2020 merecedora dunhas das medallas Pardo Bazán.

López Abella lembrou o apoio da Xunta ás mulleres rurais na loita contra a violencia machista e na promoción da igualdade, ao tempo que recordou que a futura Lei galega de igualdade incluirá un capítulo dedicado ao Estatuto das mulleres rurais e do mar.

O XIX Foro da Igualdade de Femuro abordou, entre outros asuntos, a loita contra a trata de seres humanos e, neste senso, na súa intervención, López Abella sinalou que o I Plan galego contra a trata está en execución con diferentes accións, ata 59, para a detección, identificación e protección das mulleres e nenas contra esta lacra. Galicia recoñece a trata de mulleres e nenas como violencia de xénero e en 2023 consideraranse tamén ás vítimas de explotación sexual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2023