A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asinou hoxe este convenio co alcalde, José Pablo González

A Xunta e o concello de Oza-Cesuras colaboran na mellora da mobilidade peonil na AC-840 cunha nova senda e pasarela baixo a vía do tren cun investimento de 1,2 M€

Habilitarase un paso exclusivo para peóns e ciclistas non deportivos co obxectivo de favorecer os desprazamentos, especialmente das persoas con mobilidade reducida

Disporase un caixón fincado de formigón baixo a vía do tren, facendo conexións coa AC-840 en ambos os dous lados do paso do ferrocarril e conectando coas beirarrúas actuais

O novo itinerario terá 128 metros de lonxitude, con ancho variable de entre 2,5 e 4 metros, o que favorecerá a accesibilidade, e dotada de iluminación en todo o ámbito da actuación

A senda terá 2 treitos diferenciados: por unha banda unha rampla de 70 metros que irá paralela á vía do tren, e por outra o paso baixo o tren, cunha estrutura de formigón armado de 16 metros que permitirá atravesar o noiro do ferrocarril de xeito seguro

A Xunta asumirá o financiamento e a licitación e execución das obras, mentres o Concello poñerá á disposición os terreos e asumirá a titularidade da infraestrutura e a súa conservación e mantemento
 

Oza-Cesuras (A Coruña), 14 de abril de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou esta mañá co alcalde de Oza-Cesuras, José Pablo González, a colaboración para a mellora da mobilidade peonil na AC-840, coa execución dunha nova senda e pasarela baixo a vía do tren que favorecerá os desprazamentos, especialmente das persoas con mobilidade reducida, cun investimento de algo máis de 1,2 M€.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, realizou esta mañá na Casa do Concello este acto administrativo de sinatura do convenio, que ten por obxecto coordinar a cooperación entre as administracións autonómica e local e impulsar estas obras de mellora da accesibilidade na vía autonómica.

A conselleira explicou que agora mesmo, no quilómetro 8+280 da AC-840 ao seu paso polo municipio prodúcese un estreitamento da estrada no paso inferior existente baixo o ferrocarril. Nese punto só hai espazo agora mesmo para a circulación de vehículos, de xeito que calquera persoa que queira pasar andando ten que facelo pola estrada.

Para dar solución a esta situación, os técnicos da Xunta estudaron as distintas alternativas para determinar as posibilidades de conexión para habilitar un paso seguro para peóns, considerándose a solución máis axeitada e rápida a que recolle o documento asinado hoxe.

Trátase de habilitar un paso exclusivo para peóns, e no seu caso para ciclistas non deportivos, mediante un caixón fincado de formigón baixo a vía do tren. Este sistema ten a vantaxe de evitar afeccións significativas durante a execución das obras ao tráfico viario na propia estrada AC-840 e tamén ao ferroviario.

Ademais, para acadar un itinerario peonil continuo e seguro faranse conexións coa estrada AC-840 en ambos os dous lados do paso baixo o tren, de modo que queden garantidas as conexións coas beirarrúas que hai antes e despois dese estreitamento.

Segundo concretou a titular de Infraestruturas da Xunta, as obras dotarán esta vía autonómica dun paso exclusivo e seguro para os usuarios máis vulnerables da estrada, como son os peóns, favorecendo a mobilidade das persoas que teñen maiores dificultades, a través dun itinerario diferenciado dos carrís de circulación, que redundará nunha maior seguridade e mellora da mobilidade nesa contorna.

Máis concretamente, executarase un itinerario de 128 metros de lonxitude, cun ancho variable, entre 2,5 e 4 metros, dotando de iluminación todo o ámbito da actuación.

A senda terá 2 treitos diferenciados: por unha banda, unha rampla de 70 metros que irá paralela á vía do tren e que se sosterá cun muro de formigón armado lateral; e por outra, o paso baixo o tren, cunha estrutura de formigón armado de 16 metros que permitirá atravesar o noiro do ferrocarril de xeito seguro.

Para a execución da estrutura fincada será necesario realizar un apeo provisional da vía do tren e, posteriormente, realizar as tarefas de reacondicionamento da vía.

Tal e como establece o convenio rubricado hoxe, estas obras de mellora da mobilidade peonil na estrada AC-840 en Oza-Cesuras serán promovidas pola Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, que tamén asume o seu financiamento, algo máis de 1,2 M€.

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, elaborará e aprobará o proxecto das obras recollidas neste acordo; ademais de asumir a licitación, execución e financiamento dos traballos que, unha vez realizados, entregará ao Concello no prazo de dous meses desde a data de recepción.  

Pola súa banda, o Concello comprométese a poñer á disposición os terreos necesarios para a execución das obras e a asumir a titularidade da infraestrutura, así como á súa conservación e mantemento, ao remate dos traballos. 

O convenio ten vixencia ata o 31 de decembro de 2024, polo que as obras nel recollidas deberán estar finalizadas antes do remate do vindeiro ano. 

Esta colaboración da Xunta co Concello de Oza-Cesuras enmárcase na vontade de ambas as administracións de sumar esforzos e colaborar co fin de mellorar a mobilidade e a seguridade viaria dos veciños de Oza-Cesuras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023