A Xunta pon en valor en Ribeira o proxecto ‘Un mar de amigos’ que co apoio da rede galega ‘Eusumo’ nace para promover o emprego e o turismo inclusivos

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na lonxa de Ribeira na presentación do programa promovido pola fundación Fundamar e a asociación Amicos

Destacou o traballo da rede Eusumo que traballa desde hai dez anos no impulso das fórmulas da economía social, na formación para mellorar a súa competitividade e no asesoramento durante a creación de novas entidades
 

Ribeira (A Coruña), 14 de abril de 2023

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, puxo en valor o proxecto Un mar de amicos, que a Fundación para a pesca e o marisqueo (Fundamar) e a Asociación Amicos desenvolven para fomentar o turismo accesible e favorecer a empregabilidade de persoas con discapacidade, e que conta co apoio da rede galega Eusumo, coa que a Xunta de Galicia impulsa a economía social.

Toca subliñou a dobre vertente desta iniciativa que hoxe se presentou na lonxa de Ribeira xa que, por unha banda, desenvolve un programa de turismo accesible e inclusivo no ámbito do patrimonio marítimo pesqueiro a través das entidades de economía social e, por outra, favorece a empregabilidade de persoas con discapacidade.

Un mar de amicos contempla a realización de diferentes actividades de carácter turístico e a elaboración dunha guía de boas prácticas en turismo accesible e inclusivo na promoción do patrimonio marítimo pesqueiro da comunidade.

Unha vez presentado hoxe o programa, Fudamar e Amicos celebrarán un programa de formación para entidades que queiran ser “visitables” na comarca do Barbanza, captará axentes de turismo inclusivo e, no mes de xuño, ten previsto iniciar as visitas e actividades.

“Este programa é unha mostra máis da aposta que a Xunta de Galicia realiza a través da Rede Eusumo que traballa no impulso da economía social, para alumar entidades novas neste sector e titorizar proxectos enmarcados nesta fórmula solidaria de negocio, comprometida coa súa contorna”, indicou Toca.

Grazas á rede Eusumo ofrécese asesoramento e acompañamento para emprender unha actividade no marco da economía social nalgunha das súas fórmulas (cooperativas, empresas de inserción, centros especiais de emprego, sociedades laborais...). Tamén se dispensa formación para que as entidades do sector mellores a súa competitividade en materias como contabilidade, internacionalización, marketing dixital, comunicación, ferramentas dixitais innovadoras, etc.

A Rede Eusumo naceu hai dez anos con tres obxectivos: fomentar o espírito emprendedor a través da economía social; impulsar o modelo empresarial da economía social no ámbito local; e prestar apoio directo á creación e á consolidación de emprego con base nestas fórmulas de negocio. Na actualidade, está integrada por 95 entidades socias entre as que se atopan: asociacións de entidades de economía social; administracións públicas (concellos, mancomunidades, deputacións); cámaras de comercio, e organizacións profesionais, empresariais e sindicais; asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro; cooperativas galegas; asociacións de desenvolvemento rural e grupos de acción local; e universidades.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023