A Xunta pon en marcha un novo sistema de teledetección de aproveitamentos forestais

O sistema permitirá detectar calquera aproveitamento forestal que se produza en territorio galego
 

Este desenvolvemento enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia están a desenvolver conxuntamente
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2023

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, acaba de formar aos axentes ambientais, técnicos forestais e persoal tramitador de aproveitamentos de xestión privada nunha nova funcionalidade que xerará avisos dos aproveitamentos forestais que se detecten no territorio da Comunidade Autónoma. En total, ás xornadas asistiron 370 empregados públicos.

O sistema emprega as imaxes proporcionadas polos satélites Sentinel para, aplicando un algoritmo desenvolvido especificamente para Galicia, detectar os cambios sobre o terreo producidos polos aproveitamentos forestais. Posteriormente analízanse os datos recibidos e compáranse cos expedientes de aproveitamento tramitados, podendo non só xerar avisos de aproveitamentos realizados sen autorización, senón tamén daqueles nos que os datos declarados difiren dos que se calculan con este sistema. Así, o persoal da Consellería do Medio Rural inspeccionará as parcelas indicadas polo sistema e comprobará que se cumpriron todos os trámites legais esixibles.
 
O proxecto comezou a finais do ano 2021 cun piloto que permitiu deseñar unha primeira versión do algoritmo adaptada a unha zona relativamente pequena da provincia de Lugo. Posteriormente, escalouse a toda Galicia e aplicáronse diferentes técnicas de machine learning para afinar os resultados. Na última fase desenvolveuse a contorna informática na que se vai tratar a información, que inclúe a tramitación electrónica das actas de denuncia.
 
Ademais, o sistema está deseñado para seguir aprendendo, pois a información recollida en campo polo persoal da Consellería do Medio Rural será transmitida automaticamente ao sistema para a súa análise e a mellora continua do algoritmo. Deste xeito a administración forestal pretende dar cumprimento á lexislación europea -presente e futura- en materia de legalidade da madeira, asegurando que Galicia, onde se corta aproximadamente a metade da madeira de España, aplica as mellores metodoloxías dispoñibles neste eido.  

Compromiso da Xunta

Este desenvolvemento enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia están a desenvolver conxuntamente. Desta forma, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción dun sector forte a nivel europeo, onde os consumidores demandan cada vez máis garantías sobre a sustentabilidade económica, social e ambiental dos produtos madeireiros. Esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de 'Reconstruír de novo facéndoo mellor' (“Building back better” BBB).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2023