O conselleiro do Medio Rural mantivo un encontro co alcalde desta localidade ourensá

A Xunta e o Concello da Gudiña avanzan na implementación da aldea modelo do Seixo

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo unha reunión co alcalde da Gudiña, José María Lago. Este encontro serviu para avaliar as demandas e necesidades desta localidade ourensá e avanzar na implementación da aldea modelo do Seixo.

Así, na zonificación desta aldea modelo establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible coas importantes masas de frondosas caducifolias existentes, cultivos complementarios ao gando e aproveitamento apícola. Como actividade secundaria, tería castiñeiro para froito empregando variedades micorrizadas para a obtención de cogomelos. Neste caso, a aldea abrangue 30,6 hectáreas, distribuídas en 223 parcelas de 76 propietarios.
 
Este proxecto, que pode consultarse tanto no taboleiro de anuncios do concello como na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, cuxa concorrencia sairá en breve.
 
Así mesmo, na xuntanza tamén se abordaron outros asuntos, como a situación dos montes da Gudiña e as diferentes liñas de investimento que se desenvolven a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2023