A Xunta apoia un documental elaborado pola Anpa do IES de Alfoz que aborda a situación das mulleres no deporte e promulga unha mensaxe a prol da igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación da peza audiovisual desenvolvida polo alumnado, membros da comunidade educativa e coa implicación dos concellos de Alfoz e do Valadouro e entidades asociativas da zona

Alfoz (Lugo), 16 de abril de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á presentación do documental Mulleres deportistas na Mariña lucense, elaborado pola ANPA do Instituto de Educación Secundaria de Alfoz Valadouro co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a participación do alumnado.

López Abella referendou o compromiso da Xunta de Galicia para traballar pola igualdade desde idades temperás e incrementar a implicación dos centros na detección precoz das violencias sexual e de xénero e combater as iniquidades por razón de orientación sexual e identidade de xénero. Lembrou que en 2023 a Xunta disporá dun orzamento de 400.000 euros en axudas directas para que as Anpas poidan seguir a traballar en materia de igualdade con iniciativas que, como a de hoxe, poñen o acento na eliminación de todo tipo de violencias e na visibilización de mulleres referentes nos seus ámbitos.   

O documental hoxe presentado, destacou a representante autonómica, ten un carácter “innovador “ que comeza pola súa difusión da peza nas salas de cinema. A través do mesmo, dixo, estase a visualizar a situación da muller galega no deporte.

Na elaboración do guión e na produción da peza audiovisual implicouse ao alumnado e a diferentes entidades da Mariña; entre outras, o Observatorio da Mariña pola Igualdade, Mulleres en Igualdade, os concellos de Alfoz e do Valadouro. “Coas súas ideas, remarcou López Abella, amplificaron a mensaxe traballada a prol da igualdade pola comunidade educativa entre a veciñanza e a comarca”, apuntou.

Data de actualización: 16/04/2023