O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo compareceu hoxe no Parlamento

A Xunta reinicia os traballos para adxudicar as obras para urbanizar a fase 1 de San Paio de Navia, en Vigo

Heriberto García informa de que o seu departamento reactivou o procedemento de adxudicación esta semana despois de que o 12 de abril o Concello notificara a aprobación definitiva do proxecto de urbanización correspondente a este ámbito

Tamén indicou que a comezos de 2023 foron adxudicados polo IGVS os primeiros contratos para redactar os proxectos para a construción de vivendas públicas
 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023

A Xunta de Galicia reiniciou esta semana os traballos para adxudicar as obras que permitirán urbanizar o polígono 1 da ampliación de San Paio de Navia, unha vez que o Concello comunicou ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) o pasado 12 de abril a aprobación definitiva do proxecto de urbanización correspondente a esta primeira fase.

Así o explicou hoxe no Parlamento de Galicia o director xeral do IGVS, Heriberto García, en resposta a unha pregunta sobre a situación da ampliación de solo residencial neste barrio vigués e dos proxectos para construír vivendas de promoción pública no mesmo.

Tras lembrar que a obra de urbanización da fase 1 de Navia foi licitada o pasado mes de xullo por 14,3 millóns de euros, o director xeral explicou que xa se realizaron as aperturas dos sobres A e B correspondentes a esta licitación e que para poder continuar coa tramitación, era necesario que o proxecto recibira antes a aprobación municipal.

Por iso, unha vez notificado esta semana o cumprimento do trámite por parte do Concello de Vigo, explicou que o IGVS xa retomou os traballos necesarios para resolver a adxudicación dos traballos de acondicionamento da fase 1.

O IGVS remitiu ao Concello de Vigo os proxectos de urbanización dos tres polígonos nos que se divide a ampliación de San Paio de Navia (1, 2 e 3) en abril e en maio do ano 2021. Nestes momentos os documentos correspondentes aos polígonos 2 e 3 seguen aínda pendentes de aprobación municipal.

Así mesmo, en resposta ás previsións que manexa a Xunta con respecto ás vivendas de promoción pública (VPP) proxectadas neste ámbito, Heriberto García explicou que o seu departamento licitou ata o momento seis contratos para a redacción dos proxectos e a dirección de obra para edificar un total de 207 VPP no polígono 1 de Navia.

Neste sentido, o director xeral do IGVS informou de que a comezos deste ano se adxudicaron os dous primeiros destes contratos, correspondentes a dúas promocións de 39 e 40 vivendas, respectivamente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023