ADOS e a Asociación de Estudantes de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela colaboran na celebración do Día Mundial da Saúde

Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitará maña sábado, 15 de abril, a Alameda de Santiago de Compostela, dentro das actividades previstas pola organización

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) colabora coa Asociación de Estudantes de Medicina de Santiago de Compostela (MEIGA), na celebración do Día Mundial da Saúde, que terá lugar mañá sábado, 15 de abril, no paseo central da alameda compostelá.

A Asociación de Estudantes de Medicina de Santiago de Compostela organiza, un ano máis, esta iniciativa que contará coa participación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, que disporá dunha caseta informativa na Alameda. Ademais, todas as persoas que desexen doar sangue poderán facelo na unidade móbil de ADOS, situada no paseo central, que atenderá á cidadanía de 10 a 15 horas e de 15:30 a 21 horas.

O principal propósito desta iniciativa é informar á cidadanía dos diversos temas relacionados coa saúde e os hábitos de vida saudables, a dieta, os primeiros auxilios...; e a importancia das doazóns de sangue, órganos e medula ósea, para o correcto funcionamento do sistema sanitario. Para iso, os estudantes de medicina informarán á poboación do substancial que é coidarse e levar un estilo de vida saudable, mentres que ADOS informará sobre todo o que ten que ver coas doazóns.

A importancia de doar

Dende o stand de ADOS divulgarase a importancia que teñen as doazóns de sangue, órganos e medula ósea para poder mellorar a saúde de moitos pacientes e mesmo salvar vidas. Ademais, tamén se informará á cidadanía sobre os procesos e requisitos que hai que cumprir para ser doante.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023