A Xunta asina convenios por un importe de 7 M€ para apoiar a entidades sociais de asistencia a pacientes con trastornos adictivos

O financiamento que a Xunta vai dedicar este ano á atención ás adiccións dende equipos multidisciplinares é de preto de 12 M€

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023

O Edificio Administrativo do Sergas acolleu hoxe o acto de sinatura de renovación de convenios de colaboración entre o Sergas e as Asociacións Alborada, Aclad Coruña, As Burgas, Asfedro, Asvidal, Cruz Vermella Lugo, Ex-alcohólicos de Ferrolterra, Proxecto Home Galicia, e Utaca, para o desenvolvemento da asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias aditivas.

O acto contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, así como os representantes das distintas asociacións. Tamén estiveron presentes, o secretario xeral técnico, Alberto Fuentes, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal.

A sinatura destes convenios supón un investimento de máis de sete millóns de euros en apoio ás entidades sociais dentro do marco do Plan de atención aos transtornos adictivos de Galicia durante este ano, cantidade que supón un incremento do 5% respecto ao orzamento de 2022.

Sinalar que o financiamento que a Xunta vai dedicar este ano á atención ás adiccións dende equipos multidisciplinares é de preto de 12 millóns de euros.

En todos estes convenios, unha vez realizada a sinatura dos mesmos, e sempre que a actividade comezase previamente, as asociacións poden solicitar pagamentos anticipados, que suporán entregas de fondos con carácter previo a súa xustificación por un importe de ata un máximo do 30% da contía total do convenio.

Remarcar, así mesmo, que na actualidade, as adiccións son consideradas como unha enfermidade que require un tratamento multidisciplinar e personalizado. Ante calquera problema relacionado coas adiccións, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente ou ben solicitar axuda aos profesionais de atención primaria que avaliarán cada caso e derivarán ao centro que proceda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023