Diego Calvo resalta o nivel do fútbol galego no primeiro congreso para debater sobre o futuro deste deporte na comunidade

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na inauguración do ‘I Congreso do Fútbol Galego. Balón á terra’ que reúne a todos os estamentos deste deporte


A Real Federación Galega de Fútbol organiza este evento co obxectivo de analizar a situación actual e poñer en común solucións que melloren a súa práctica
 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na inauguración do I Congreso do Fútbol Galego. Balón á terra, organizado pola Real Federación Galega de Fútbol e que reúne por primeira vez a todos os estamentos deste deporte.

No evento, destacou o elevado nivel e o bo momento que vive o fútbol galego con 10 equipos que compiten nas tres primeiras divisións nacionais, así como outros 15 nas dúas primeiras divisións nacionais de fútbol sala.

Nesta liña, incidiu no papel das mulleres neste deporte, ao aclarar que destes 25 equipos nas categorías máis altas, case oito de cada dez son femininos. Tamén lembrou a figura de Irene González Basanta, a primeira muller que xogou ao fútbol de xeito oficial en Galicia e en España, xunto con outras pioneiras que contribuíron ao auxe do fútbol feminino galego e nacional. Desa lista resaltou tamén a Verónica Boquete, que marcou outro fito ao converterse en 2015 na primeira muller española en gañar unha Copa de Europa.

Diego Calvo sinalou a importancia dos valores no deporte e sobre todo, da necesidade de inculcalos aos nenos e nenas que xogan nas categorías de base. Na súa intervención destacou a capacidade do fútbol para repoñerse despois da pandemia da covid-19, superando rexistros anteriores ata superar as 100.000 licenzas federativas na comunidade, das que arredor de 10.000 son de mulleres. Do mesmo xeito, agradeceulles á Real Federación Galega de Fútbol o desenvolvemento dun evento desta magnitude en Santiago.

 

O I Congreso do Fútbol Galego celébrase no Pazo de Congresos e reúne a adestradores e persoal técnico, xogadores, árbitros e dirixentes dos clubs co obxectivo de analizar a situación actual do fútbol galego, detectar as súas necesidades e, de maneira conxunta, ofrecer solucións que melloren a súa práctica. Neste proceso participativo trataranse temáticas relacionadas coas competicións, a normativa, licenzas, adestramentos, violencia e seguridade, formación, relación dos clubs coas federacións ou mutualidade. No marco deste congreso, ao que se prevé a asistencia de 450 persoas. O presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, recibirá a Medalla de Ouro do Fútbol Galego.

Data de actualización: 15/04/2023