Comesaña agradece o traballo dos máis de 400 profesionais sanitarios con formación específica no manexo dos robot Da Vinci

O conselleiro de Sanidade inaugura a XII Xornada de cirurxía coloprotolóxica no Hospital Montecelo

Pontevedra, 13 de abril de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou hoxe, no Hospital Montecelo, a XII Xornada de cirurxía coloproctolóxica, e dado que o tema central do encontro é a cirurxía minimamente invasiva, o responsable da carteira sanitaria destacou o avance que supuxo a cirurxía robótica nesta técnica. O acto contou, así mesmo, coa presenza do xerente da área sanitaria, José Flores Arias.

Segundo sinalou Comesaña, Galicia conta cun importante número de profesionais xa formados na cirurxía robótica, 84 cirurxiáns de consola, 160 cirurxiáns asistentes, 200 profesionais de enfermería e anestesia, así como persoal de soporte analítico e técnico, aos que o conselleiro lles deu os parabéns polo bo facer no uso dos robot Da Vinci, cos que contan dende 2021.

O responsable da sanidade pública galega destacou que, ao peche do 2022, os profesionais sanitarios dos hospitais do Sergas realizaron máis de 2.760 intervencións de cirurxía robótica, das que 286 foron no Hospital de Montecelo. Destas máis de 2.700 operacións, un 40% foron de cirurxía xeral e dixestiva, 33% de uroloxía, 15% de xinecoloxía, 8% de cirurxías torácicas e un 3% de otorrinolaringoloxía; empregándose este sistema robótico, tamén, para intervencións en coloproctoloxía.

Antes de chegar ao tratamento debemos centrarnos na prevención, -subliñou o conselleiro-, dada a importancia de contar cun diagnóstico precoz en moitas enfermidades. Neste senso, Comesaña animou á poboación a participar nos programas de cribado. Ao respecto, Galicia conta, dende 2013, cun programa de cribado de cancro de colon, estendido dende 2019 ao 100% da poboación diana, aquela de 50 a 69 anos, e no que, segundo os últimos datos dispoñibles, xa participaron máis de 700.000 persoas.

Tamén destacou o conselleiro o seguimento, a través da plataforma tecnolóxica TELEA, da enfermidade inflamatoria intestinal, no que se inclúe pacientes con colite ulcerosa ou da enfermidade de crohn.

Para rematar a súa intervención, Comesaña agradeceu ao presidente do comité organizador, o doutor Alberto Parajó, a súa aposta decisiva pola formación e a investigación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2023