A Xunta destaca a planificación estratéxica como clave para garantir o uso responsable e eficiente dos recursos públicos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública asistiu á apertura do curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia na EGAP

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023 O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a planificación estratéxica como un elemento clave para garantir o uso responsable e eficiente dos recursos públicos, así como un desenvolvemento económico sostible.

Durante a apertura, esta tarde, do Curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Corgos fixo fincapé en que a planificación achega benestar para a cidadanía.

Sobre este punto, recordou que as administracións autonómicas, prestadoras de servizos públicos, están obrigadas a un esforzo continuo para seguir avanzando na xestión dos recursos nunha contorna económica cambiante, e garantir a mellor sanidade pública, a mellor educación pública e as mellores políticas sociais públicas.

Curso superior de planificación estratéxica

O curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia é unha actividade dirixida en exclusiva ao persoal directivo e predirectivo da Administración autonómica.  

A acción formativa ten como obxectivo amosar os principais retos e medidas en materia de planificación estratéxica da economía pública galega, co fin de garantir o desenvolvemento económico sostible e asegurar que os recursos públicos se utilicen de maneira responsable e eficiente.

Este curso superior, cunha duración de 40 horas, inclúe tanto formación específica sobre planificación estratéxica na economía pública como formación noutras materias relacionadas como a comunicación, a administración electrónica, a contratación pública, a xestión dos recursos humanos, a intelixencia artificial ou a motivación no servizo público, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2023