A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, explicou hoxe no Parlamento de Galicia en que consiste esta iniciativa

A Xunta comeza coa formación da mocidade participante na terceira edición de ‘Xuventude Mentoring’

O obxectivo é facilitar a transición desde o ámbito académico ao laboral

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023  A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, explicou hoxe na comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego o funcionamento do programa ‘Xuventude Mentoring’, que nestes momentos ten en marcha a súa terceira edición, na que de feito a mocidade participante xa comezou coa formación inicial. O obxectivo desta iniciativa, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo nun 80% con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil para o período 2014-2020, é facilitar a mozas e mozos a transición desde o ámbito académico ao laboral.

 

A directora xeral detallou que o programa conta coa colaboración do CIXUG, entidade integrada pola Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo. ‘Xuventude Mentoring’ pon a disposición da xente nova catro ferramentas: formación específica para ampliar as súas habilidades e competencias, titores que se encargan de facer asesoramento e seguimento individualizado, actividades de networking e visitas a empresas, e profesionais procedentes do empresariado galego que fan de mentores dos participantes.

 

Ademais, Cristina Pichel apuntou que o programa conta co apoio do tecido empresarial e que nas dúas edicións celebradas ata o momento suma máis de 20 entidades colaboradoras.

Data de actualización: 13/04/2023