A Xunta desminte calquera cesión de tecnoloxía sanitaria do Sergas á sanidade privada

O director xeral de Asistencia Sanitaria aclarou hoxe, no Parlamento de Galicia, que o Sergas asinou en 2016 un convenio para a posta a disposición de equipos co Consorcio Oncolóxico de Galicia, un ente adscrito á Xunta con máis do 70% da titularidade pública, creado en 2008 polo goberno bipartito

Jorge Aboal detallou que o 30% restante dese consorcio compono unha fundación sen ánimo de lucro, que ten no seu padroado a cargos públicos como o propio conselleiro de Sanidade ou a alcaldesa da Coruña

A prestación dos servizos de radioterapia e medicina nuclear na Coruña nas instalacións desta fundación responde ao modelo consolidado polo goberno bipartito no ano 2008 e rematará coa posta en marcha do Novo CHUAC
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, desmentiu hoxe no Parlamento, ante unha pregunta da oposición, a existencia de calquera cesión de tecnoloxía sanitaria de titularidade autonómica á sanidade privada para obtención de beneficios.

Aboal concretou que, no ano 2015, a Xunta adxudicou diversos contratos de adquisición de equipamento tecnolóxico, parte dos cales obtiveron financiamento por parte da Fundación Amancio Ortega. No caso concreto da área sanitaria da Coruña, o acelerador lineal e o PET-TC adquiridos puxéronse a disposición, mediante un convenio asinado no ano 2016, do Consorcio Oncolóxico de Galicia, un consorcio público autonómico creado mediante decreto no ano 2008 polo goberno bipartito.

Este ente está adscrito como consorcio autonómico á Comunidade Autonómica de Galicia, e así figura tanto no Inventario de entes do sector público do Ministerio de Hacienda como na relación dos consorcios autonómicos dos informes do Consello de Contas sobre o sector público autonómico. O dominio deste consorcio é eminentemente público, encabezado pola administración autonómica, que ostenta máis do 57% da titularidade xunto a un 14,3% do Concello da Coruña. Só o 28,5% da participación corresponde a unha entidade privada, a Fundación Centro Oncolóxico, unha fundación sen ánimo de lucro dirixida por un padroado do que forman parte cargos públicos como o conselleiro de Sanidade ou a alcaldesa da Coruña.

O convenio do ano 2016 aclara que non existe cesión da titularidade dos equipos, que sigue sendo do Sergas, senón unha posta a disposición do Consorcio dos mesmos, que decide que se localicen nas instalacións da Fundación Centro Oncolóxico seguindo o marcado por un convenio asinado o 8 de maio de 2008 entre Xunta e Fundación, no cal se consolida a prestación da radioterapia e medicina nuclear dos pacientes do Sergas do norte de Galicia neste centro.

En concreto, o dito convenio incluía como primeira cláusula a de “Subscribir o presente convenio como manifestación do interese común que posúen as partes de prestar a asistencia sanitaria especializada en materia oncolóxica”. Posteriormente, o Decreto 141/2008, do 19 de xuño, polo que se constitúe e regula a composición e funcións do Consorcio Oncolóxico de Galicia recolleu, na súa exposición de motivos, que “a importancia da asistencia sanitaria en materia de oncoloxía esixe e xustifica a concepción e o deseño dun consorcio como organización idónea para facilitar a acción conxunta e coordinada das administracións públicas e institucións implicadas a través dun marco estable”, ou que “o Consorcio Oncolóxico de Galicia concíbese así como un instrumento executivo de esforzo combinado entre as entidades que o integran coa finalidade do aproveitamento eficiente de todos os recursos sanitarios en materia de oncoloxía, de xeito que se garanta aos cidadáns unha asistencia integral, de calidade e en condicións de igualdade”.

É dicir, as actuacións rubricadas polo goberno bipartito consideraron que a organización idónea para facer un aproveitamento eficiente dos recursos sanitarios en materia de oncoloxía era consolidar esa colaboración entre o Sergas e a Fundación Centro Oncolóxico e a atención dos pacientes Sergas neste último.

Futuro traslado dos equipos ao Novo CHUAC

Nese contexto, toda vez que a estrutura asistencial fixada por eses acordos establece que as prestacións de radioterapia e medicina nuclear do norte de Galicia se realizarán nas instalacións da Fundación Centro Oncolóxico, a única alternativa posible cando o Sergas adquiriu novos equipos de radioterapia e medicina nuclear, foi poñelos a disposición do Consorcio creado en 2008 para colaborar con esta Fundación.

Aboal lembrou que esta situación mudará grazas ao plan funcional do Novo CHUAC aprobado en 2020, que posibilitou a redacción dun Plan Director dun proxecto arquitectónico da obra que incorporará áreas de radioterapia e medicina nuclear dentro das instalacións hospitalarias do Sergas na Coruña, mentres que os pacientes da área de Lugo teñen xa área de radioterapia no HULA con aceleradores lineais desde 2015, e terán á súa disposición un PET-TC de medicina nuclear neste mesmo ano 2023.

En consecuencia, mentres non se creen estes espazos no CHUAC, o Sergas seguirá a prestar os servizos de radioterapia e medicina nuclear na Coruña co esquema de colaboración formulado polo goberno bipartito e a través do Consorcio Oncolóxico creado polo goberno bipartito, por suposto en beneficio da asistencia sanitaria dos pacientes. Aboal aclarou, tamén, que, cando a Fundación utiliza estes equipos para tratar a pacientes externos ao sistema público, abona a correspondente cantidade ao Sergas en concepto de compensación por dispoñibilidade de uso e mantemento.

Data de actualización: 13/04/2023