Galicia será pioneira ao implantar un sistema de rehabilitación a través da realidade virtual nas residencias de maiores públicas autonómicas

O vicepresidente primeiro resalta que o obxectivo é “mellorar a atención aos usuarios” e “detectar e previr situacións de deterioro físico e cognitivo”

Avanza que vaise estender desde este verán a unha trintena de centros públicos

O Goberno galego destinará 500.000 euros a dotar aos centros residenciais deste novo programa para que os usuarios realicen exercicios de estimulación física e cognitiva a través de xogos

Esta iniciativa enmárcase dentro do novo modelo de coidados que está a desenvolver a administración autonómica
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, anunciou hoxe que a Xunta vai implantar nas residencias de maiores públicas autonómicas un novo sistema de rehabilitación e fisioterapia por realidade virtual que permite que os maiores fagan terapias a través desta tecnoloxía. “Será o primeiro programa público integral para utilizar a realidade virtual en residencias”, indicou Conde, quen precisou que grazas a este sistema vaise “mellorar a atención aos usuarios” e contribuirase “a detectar, previr e actuar ante situacións de deterioro físico e cognitivo”.

Trátase dunha ferramenta que xa se probou de maneira experimental no centro Torrente Ballester (A Coruña), na residencia de Caranza (Ferrol) e no CRAPD de Vigo, e que favorece a recuperación dos maiores ao tempo que se divirten e fan exercicio físico. A Xunta, tal e como avanzou Conde, vaina estender "a case unha trintena de centros públicos autonómicos”.

Tal e como se indica no informe que hoxe coñeceu o Consello, o Goberno galego vai adquirir todo o material necesario (televisores, ordenadores e sensores) para traballar cos usuarios aspectos de mobilidade e terapia ocupacional. E ademais, para a estimulación cognitiva vanse mercar preto dun centenar de tabletas electrónicas coas cales os usuarios realizarán probas de estimulación por medio de diversos xogos, como crebacabezas e outros pasatempos.

O Goberno galego destinará arredor de 500.000 euros en dotar as residencias destes instrumentos, que acaban de saír á licitación. Unha vez que se complete a contratación destes dous lotes, a previsión é que estean implantados nas residencias este verán.

Novo modelo de coidados

Esta medida inclúese dentro do novo modelo de coidados que está a implantar a Xunta nos seus centros. Tal e como resaltou Conde, este modelo caracterízase por catro piares fundamentais: “aproveitamento das vantaxes tecnolóxicas, o fomento da coordinación sociosanitaria, a creación de espazos máis acolledores e por impulsar a humanización da atención”. A incorporación dun sistema de rehabilitación física e cognitiva por realidade virtual inclúese dentro do primeiro punto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2023