Fernández-Tapias anuncia o voto favorable da Xunta ao proxecto de 2 M€ para a revalorización de Bouzas no novo Plan de Sostenibilidade Turística en Destino

A delegada territorial da Xunta avanza a decisión do Goberno galego favorable á inclusión do proxecto para promover o potencial turístico da vila viguesa

O programa inclúe a creación de espazos verdes, un plan piloto de residuos, sistema intelixente de iluminación, promoción dixital e recreacións virtuais

“A Vila de Bouzas recibirá un impulso grazas a un proxecto que nesta ocasión foi ben planificado para resultar beneficiado polos fondos”, sinalou

Vigo, 13 de abril de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este xoves a aprobación por parte do Goberno galego á inclusión do proxecto do Casto Histórico da Vila de Bouzas para o programa extraordinario de Plans de Sostenibilidade Turística en Destino convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. A representante autonómica avanzou que a Xunta deu a puntuación necesaria para que o proxecto presentado polo Concello de Vigo sexa incluído na categoría de destino turístico urbano e poder ter así a opción de incorporarse no terceiro plan territorial que executará a Xunta ao abeiro dos fondos europeos Next Generation.

 

“De aprobarse o plan tamén por parte do Ministerio, Bouzas recibirá un impulso importante para a súa promoción grazas a un proxecto que nesta ocasión foi ben planificado e xustificado no marco da convocatoria”, destacou Fernández-Tapias. O plan contempla a rexeneración do paseo do fronte marítimo do barrio vigués coa creación de novos espazos verdes. Ademais, tamén están previstas actuacións para a humanización da rúa do Pazo.

 

Segundo explicou a delegada territorial, a Xunta tivo en conta que a intervención proposta baséase en catro eixos definidos co fin de consolidar un circuíto de transformación e dinamización do emblemático casco histórico da parroquia que tivera consideración de municipio a mediados do século XIX. Así, a través da súa rehabilitación e articulación, o obxectivo é xerar espazos de convivencia entre turistas e residentes.

 

Transición verde

No primeiro eixo estarían as accións que reforzarán a aposta de Vigo pola transición verde e sostible. Inclúense medidas de adaptación do ecosistema urbano ao cambio climático coa implementación dun plan piloto de xestión de residuos diferenciada para o centro histórico de Bouzas utilizando vehículos eléctricos que reduzan as emisións de ruídos e de gases contaminantes.

 

Eficiencia enerxética

Contémplase tamén, no eixo de eficiencia enerxética, a realización dun sistema intelixente de iluminación do centro histórico baseado nunha estratexia de iluminación artística e funcional. Realizaranse varias accións cos operadores económicos locais que dean lugar á oferta dunha serie de roteiros e paquetes turísticos.

 

Dixitalización

No apartado da dixitalización inclúese o deseño dunha estratexia de promoción do casco antigo de Bouzas e festas culturais, que incluirá a creación dun microsite específico para a comunicación e acceso de recursos e servizos ao turista. Igualmente, incluirase o desenvolvemento de recursos dixitais baseados en recreacións virtuais do patrimonio natural, cultural e inmaterial (Reconstrución Histórica en Realidade Virtual 360 da Vila de Bouzas e festas culturais como A Brincadeira).

 

Competitividade

Por último, en referencia ao eixo da competitividade, levará a cabo un programa de mellora da imaxe final de Bouzas coa creación de amplas zonas estanciales e de descanso, nas que se disporá de novo mobiliario urbano. Tamén realizarase un análise diagnóstico e plan de viabilidade para lanzar a candidatura para declarar A Brincadeira como festa de interese.

Data de actualización: 13/04/2023