Diego Calvo destaca o papel do deporte no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes abordou no “II Foro Económico Español’ o potencial do deporte a prol da saúde, a educación ou a inclusión social

Aposta polo deporte base para inculcar os valores da práctica deportiva desde idades temperás

Tamén puxo en valor o seu papel na inclusión das persoas con discapacidade na sociedade

A Coruña, 13 de abril de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na segunda xornada II Foro Económico Español. La Galicia que viene, onde destacou a importancia do deporte nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable polo seu potencial para contribuír á paz a través da promoción de valores como a tolerancia, o respecto ou a igualdade, ademais de favorecer a saúde, a educación e a inclusión social.

Polo tanto, aposta por inculcar os valores de deporte desde as idades máis temperás e tanto dentro como fóra das aulas por parte das administracións en colaboración cos centros educativos e as entidades deportivas. Así, incidiu na relevancia do deporte base co obxectivo de inculcar aos nenos e nenas a competir en equipo e con respecto, ao mesmo tempo que aprenden valores importantes no deporte e na vida como o traballo, o esforzo e o sacrificio “celebrando as vitorias e, sobre todo, encaixando as derrotas”.

Na súa intervención, Diego Calvo puxo en valor a igualdade no deporte e como a práctica deportiva favorece a inclusión das persoas con discapacidade na sociedade. Lembrou que a Lei do Deporte de Galicia de 2012 recolle precisamente a necesidade de que as administracións fomenten a práctica de deporte por persoas con discapacidade e a súa preparación por parte de técnicos cualificados.

A inclusión no deporte galego quedou acreditada tamén -explicou o vicepresidente segundo da Xunta- nos Xogos Olímpicos de Toquío. A delegación galega formou o 15 % da selección española paralímpica e regresou de Xapón con case o 88 % dos deportistas clasificados entre os oito mellores do mundo. Ademais, Galicia conta con 23 deportistas de alto nivel con discapacidade, unha cifra récord.

Diego Calvo concluíu coa defensa dun deporte “plural, diverso, transmisor de valores, formador das novas xeracións, motor de cambio social e un axente económico determinante”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2023