Fernández-Tapias salienta a nova edición do concurso vigués Pequestrelas na busca do talento emerxente

A delegada territorial da Xunta en Vigo presentou este xoves nova edición deste certame, que arrancará o vindeiro día 15 coas audicións e rematará o 6 de maio cunha gala final

Vigo, 13 de abril de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou este xoves a singularidade do concurso vigués Pequestrelas e o seu papel como plataforma de impulso para os artistas emerxentes. Así, incidiu na importancia da alianza entre o Goberno galego e o certame co obxectivo de descubrir novos talentos con acento vigués.

 

“Estamos ante unha oportunidade de demostrar o grande talento que esconde esta cidade”, sinalou a representante autonómica durante a presentación. Acompañada por Kike Corbacho, promotor do evento e director da produtora galega de televisión Linea Press, Fernández-Tapias convidou aos vigueses a asistir ao evento -haberá máis dun centenar de audicións- que se celebrará os vindeiros 15, 16, 22 e 23 de abril, como antesala da gala final que terá lugar o 6 de maio na Estación Marítima do Porto de Vigo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2023