A Xunta colabora co Principado de Asturias na formación dos seus inspectores ambientais

Os inspectores galegos compartirán cos seus homólogos asturianos a súa experiencia en cuestións como o traslado de residuos e o control de vertidos ilegais

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

A Xunta de Galicia participará nas xornadas organizadas polo Instituto Asturiano de Administración Pública para a formación dos seus inspectores ambientais. 

O curso, que terá lugar entre os días 24 e 27 de abril, ten por obxectivo a mellora das competencias no relativo á metodoloxía, xestión da documentación e aplicación de normativas sectoriais. 

Nesa liña, durante as sesións, que se desenvolverán de xeito telemático con contidos teóricos e prácticos, os inspectores galegos compartirán cos seus homólogos asturianos a súa experiencia en cuestións como o traslado de residuos e o control de vertidos ilegais. Ademais, tamén abordarán a elaboración de informes previos ao expediente sancionador nestas e noutras materias da súa competencias. 

A maiores, persoal do Servizo de Intervención Ambiental dedicará unha das sesións a presentar a Plataforma Galega de Información Ambiental (Gaia), un portal web a través do que a cidadanía, as empresas e as diferentes administracións poden acceder á información ambiental da Xunta de Galicia. 

A participación nestas xornadas formativas enmárcase na colaboración que existe entre inspeccións ambientais e, de feito, o Servizo de Inspección Ambiental da Xunta participa activamente en grupos de traballo na rede de inspeccións ambientais das administracións públicas (REDIA) e na Rede da Unión Europea para Aplicación e Cumprimento da Lexislación Ambiental (Rede IMPEL).

Cómpre lembrar que este servizo desenvolve, entre outras tarefas, o control da xestión de residuos, emerxencias e incidencias ambientais e investigacións de responsabilidade ambiental. Nesa liña e, dada a súa complexidade, lévase a cabo un proceso de mellora continua a través da actualización da súa programación e dos seus procedementos internos así como da formación da vintena de funcionarios que compón o servizo.

Data de actualización: 13/04/2023