A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais nunha instalación industrial do concello de Caldas de Reis

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia, detectaron este foco nunha inspección rutineira de control

Augas de Galicia de Galicia requiriulle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas, verificando recentemente o cese da contaminación, logo da instalación dun novo sistema de tratamento
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un vertido de augas residuais procedente dunha instalación industrial asentada no concello de Caldas de Reis.

Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia.

Os técnicos da Xunta identificaron a orixe do foco nas augas residuais domésticas xeradas na actividade, que se canalizaban cara a un sistema de tratamento que non se adecuaba ao volume de auga, e que se vertían ao dominio público.

Ante a deficiencia observada, os técnicos da Xunta requiríronlle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar ese foco.

Os responsables da empresa procederon á instalación dun novo sistema de tratamento das augas residuais que substituíu ao anterior, emendando deste xeito as achegas irregulares ao dominio público hidráulico, como verificaron os técnicos da Xunta nunha nova inspección.

Data de actualización: 13/04/2023