A Xunta mantén a súa disposición a continuar mellorando co máximo consenso as condicións laborais dos profesionais do Servizo Galego de Saúde

O conselleiro de Sanidade avanzou que se someterán a negociación sindical a mellora das retribucións das gardas, a regulación das libranzas, a consideración dos días 24 e 31 de decembro como día especial ou as condicións laborais dos residentes en formación

Lembrou tamén o compromiso cos Colexios Oficiais de Médicos de reformar o complemento específico do persoal médico no segundo trimestre do ano

Comesaña destacou a recente consecución de acordos coas organizacións sindicais referidos ás axendas de atención primaria ou á oferta de contratos estables de tres anos aos residentes MIR que exerzan neste nivel asistencial

Salientou tamén o compromiso adquirido polo Sergas cos representantes dos traballadores sanitarios, para que as grandes reformas se artellen buscando sempre o máximo consenso
 

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reiterou esta tarde no Parlamento de Galicia, a vontade da Xunta de Galicia para continuar a mellorar as condicións laborais dos profesionais do Servizo Galego de Saúde.

Deste xeito, destacou que no acordo asinado o pasado 31 de marzo entre o Sergas e a maioría das organizacións sindicais da mesa sectorial de Sanidade estableceuse o compromiso de avanzar, no futuro inmediato, nun conxunto de medidas. En concreto, están comprometidas as negociacións para abordar a mellora das condicións laborais e retributivas do persoal residente en formación; a mellora das retribucións das gardas, a regulación das libranzas ou a consideración dos días 24 e 31 de decembro.

Lembrou tamén que existe un compromiso cos Colexios Oficiais de Médicos de reformar o complemento específico do persoal médico no segundo semestre do ano despois de que nesta primeira metade se acordase a nova regulación das incompatibilidades. Ademais, o conselleiro de Sanidade anunciou que este mesmo mes entrará en vigor o decreto cos novos incentivos para o persoal que exerce de labores de titoría.

Nos últimos meses, o Servizo Galego de Saúde deu o seu visto bo a diferentes propostas achegadas polas organizacións sindicais. Así, acordouse aumentar o persoal de enfermería de atención primaria co obxectivo de ter unha ratio de un por médico; introducir incentivos para o persoal que está en quendas de tarde ou desprazables nos centros de saúde; ou reforzar a estrutura de atención á atención primaria dentro das xerencias das áreas sanitarias.

Avance constante dos acordos

O conselleiro de Sanidade destacou que o “aval” da Xunta para a abordaxe destas negociacións son os sucesivos acordos sindicais acadados ao longo desta lexislatura.

En particular, o acordo asinado o pasado 31 de marzo conseguiu o respaldo maioritario das organizacións sindicais á concreción de dous compromisos efectuados no Parlamento polo presidente da Xunta o pasado febreiro: a oferta de contratos estables de 3 anos de duración en atención primaria ao persoal residente das especialidades de medicina de familia e pediatría, ou o novo modelo de axenda en atención primaria, con consultas de 10 minutos e posibilidade de prolongación de xornada -voluntaria e remunerada-, cando se excedan estes límites.

Segundo precisou o responsable da carteira sanitaria da Xunta, este “é unha demostración de que este goberno cumpre co anunciado”, remarcando ademais o compromiso establecido cos representantes dos traballadores, ao respecto de que as grandes reformas artellarán “buscando sempre o máximo consenso con eles”.

Así, ao longo desta lexislatura, goberno galego e sindicatos acadaron na Mesa sectorial de Sanidade numerosos acordos que inciden na mellora dos servizos sanitarios galegos, tanto no ámbito dos profesionais, como no caso dos seus usuarios.

Deste xeito, aprobouse con unanimidade sindical a incorporación ao sistema de carreira profesional de todo o persoal temporal; pactouse o Plan de Igualdade do Sergas; acordouse cos sindicatos os baremos dos procesos selectivos de consolidación que permitiron convocar máis de 5.000 prazas fixas e, desde o verán pasado, conseguiuse con unanimidade sindical, introducir melloras retributivas para o persoal de primaria que tivese que prolongar xornada, atender pacientes dun compañeiro ou exercer en centros de difícil cobertura.

“Todas estas medidas terán un impacto directo no persoal sanitario e tamén na cidadanía, ao contar con máis recursos e máis capacidade para desenvolver o seu traballo” apostilou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2023