A Xunta licita por case 1,6 M€ as obras de remodelación da ponte e de creación dun canle de augas altas na rúa Sol de Carballo, destinadas a reducir o risco de inundacións do río Anllóns

A intervención inclúe a demolición e construción dunha nova ponte, que terá un único van para mellorar a circulación da auga en caso de crecida, a instalación dunha pantalla lateral de contención e a habilitación de 2 pasarelas de acceso ao paseo fluvial

Será preciso acometer a demolición dunha edificación e de tres treitos de escaleiras, acometerase unha obra de fábrica pola marxe dereita do río e habilitarase unha senda con 600 m2 de pavimento

As empresas interesadas nas obras teñen ata o 12 de maio para presentar as súas ofertas

A actuación enmárcase no convenio de colaboración entre Xunta e Concello de Carballo para desenvolver o Plan de xestión desta área de risco potencial de asolagamento

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 1.594.905 euros a obra de remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol, no concello de Carballo, para reducir o risco de inundacións do río Anllóns. 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 12 de maio. As obras contarán cun prazo de execución de 8 meses. 

A actuación ten como obxectivo unha mellor protección fronte ás enchentes no río Anllóns, para o que é preciso a demolición dunha edificación, a remodelación da ponte e creación dun canle de augas altas na rúa Sol. 

O proxecto inclúe, ademais, o derrubamento de tres treitos de escaleiras, unha obra de fábrica pola marxe dereita do río e a habilitación dunha senda coa extensión de 600 m2 de pavimento. 

Nas obras licitadas hoxe inclúese, ademais, a demolición e construción dunha nova ponte, que terá un único van para mellorar a circulación da auga en caso de crecida.

A intervención comprende, finalmente, a instalación dunha pantalla lateral de contención e a habilitación de dúas pasarelas de acceso ao paseo fluvial para dotar de acceso á senda. 

Convenio de colaboración Xunta e Concello

Estes traballos enmárcanse no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo, para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€. 

As accións que se consideran máis prioritarias e que son as que se executarán a través desta colaboración son estas obras licitadas hoxe de remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol; a remodelación integral do parque San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas; a reforma da ponte sita na rúa Fomento, coa remodelación do leito e motas de contención augas abaixo da ponte; a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto; e a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo. 

No marco do acordo de colaboración, correspóndelle á entidade hidráulica da Xunta levar a cabo a contratación da redacción e aprobación dos proxectos das intervencións que permitan reducir o risco de inundación nesta área do río Anllóns, a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Carballo asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio das obras e a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución; así como a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación. Tamén se compromete á utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

Data de actualización: 12/04/2023