A directora xeral de Patrimonio Natural participou nunha xornada técnica sobre medidas de manexo da poboación nidificante desta especie

A Xunta constata o nacemento de máis de 180 novos exemplares de píllara das dunas en 2022 ao abeiro do plan de recuperación desta especie

Do Campo explica que 141 polos naceron en niños localizados nas praias galegas e os restantes 41 son resultado do programa de conservación ex situ que se desenvolve nos centros de recuperación de fauna silvestre de Oleiros e Cotobade


A poboación galega desta especie é a única existente en todo o sector cantábrico-atlántico español
 

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023

  A Xunta constatou o nacemento de máis de 180 novos exemplares de píllara das dunas en 2022 ao abeiro do plan de recuperación desta especie, segundo dixo hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

 

Durante unha xornada técnica celebrada hoxe sobre medidas de manexo da poboación nidificante desta especie dirixida a axentes facultativos ambientais, vixiantes de recursos naturais e persoal técnico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Do Campo explicou que 141 polos naceron en niños localizados nas praias galegas e os restantes 41 son resultado do programa de conservación ex situ que se desenvolve nos centros de recuperación de fauna silvestre de Oleiros e Cotobade. Segundo lembrou a directora xeral, esta iniciativa consiste na recuperación de niños ameazados por preamares, abandono ou unha elevada presión humana na praia.

 

A maiores deste programa de cría en catividade, o plan de recuperación da píllara das dunas inclúe outras actuacións de cara a aumentar o éxito reprodutor desta especie como a protección de niños mediante parcelas de exclusión ou a implantación de medidas de control de depredadores. De feito, dos 90 niños que se protexeron no ano 2022 instaláronse parcelas de exclusión en 87 e nos restantes só foi necesario establecer un perímetro amplo para evitar o acceso de persoas.

 

Por outra banda, no que atinxe ás medidas de conservación e manexo do hábitat, a directora xeral incidiu na importancia de realizar balizamentos temporais en áreas críticas de nidificación, especialmente na época reprodutora da especie -entre o 15 de marzo e o 15 de xullo-. O obxectivo desta actuación é evitar perturbacións que impliquen o abandono temporal do niño.

 

Logo de agradecer aos profesores Jesús Domínguez e María Vidal da Universidade do Santiago a súa implicación coa conservación da píllara das dunas e a súa iniciativa de organizar a xornada técnica desenvolvida hoxe, Do Campo reiterou o compromiso do Goberno galego de garantir a preservación desta especie e dos seus hábitats e lembrou que a poboación galega da píllara das dunas é a única existente en todo o sector cantábrico-atlántico español.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2023