A comisión galega de control da violencia incoa sete novos expedientes sancionadores e actuará de oficio nos feitos ocorridos no Ribadavia-Covadonga

Tamén se procederá á sanción dun afeccionado por agredir ao delegado de campo nun partido alevín de fútbol 8

Santiago, 11 de abril de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu unha nova reunión -a undécima- da Comisión Galega de Control da Violencia. Nesta nova xuntanza estudáronse un total de cinco expedientes en curso e doce novos expedientes, entre os que destaca a apertura dun período de información reservada para investigar e, no seu caso, sancionar os feitos acaecidos no partido de Segunda Autonómica entre o Ribadavia Atlético e o AD Covadonga no Campo do Xestal cando se produciu un tumulto violento entre xogadores e afeccionados.

 

Dos cinco expedientes en curso, dous deles foron arquivados por falta de probas (relativos a unha denuncia de malos tratos e unha agresión), outros dous seguen o seu curso (relativos a insultos dun afeccionado así como insultos e agresión dun adestrador sen licenza) e no que resta, procederase á sanción dun afeccionado por agredir ao delegado de campo nun partido alevín de fútbol 8.

 

No tocante aos outros once novos expedientes, ademais do relativo ao partido entre o Ribadavia e o Covadonga, decidiuse incoar procedemento sancionador en sete deles. Dous destes procedementos están asociados á pelexa nun partido infantil de balonmán; outros dous son referidos ás ameazas de dous afeccionados no partido de fútbol de 1ª Xuvenil Galicia; outro por un empurrón ao árbitro dun partido de fútbol 1ª Autonómica; outro por comportamentos e actitudes agresivas nun partido de liga infantil; e un máis por unha pelexa noutro partido de liga infantil galega.

 

Ademais, tres expedientes serán remitidos á federación galega correspondente, por ser os denunciados deportistas con licenza federativa (un por comportamentos e actitudes agresivas nun partido da Liga Provincial Sénior Masculina de Hóckey Sala e outros dous por unha tángana nun partido de fútbol de liga infantil galega). Ademais un novo expediente será remitido á Comisión Estatal contra la Violencia, el Racismo, la Xenofobia y la Intolerancia en el Deporte, por tratarse dunha competición de carácter estatal (insultos e ameazas aos árbitros do partido de División Honor Prata Feminino).

 

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Controla da Violencia, José Ramón Lete Lasa, insistiu, unha vez máis, na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte” e uniu este deber cos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2023