Dez persoas con discapacidade completan a súa formación dual como auxiliares de comercio na tenda Juan María by Lolola grazas ao apoio da Xunta

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron o establecemento de Vigo onde subliñou o acceso ao emprego como “elemento decisivo” na participación activa de persoas con discapacidade na sociedade

Vigo, 11 de abril de 2023 A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron hoxe o establecemento Juan María by Lolola, en Vigo, onde clausurou o programa de formación dual dirixido a persoas con discapacidade intelectual e no que 10 alumnas e alumnos puideron exercer tarefas de auxiliar de comercio no establecemento.

Tal e como subliñou Toca, esta iniciativa destaca pola posibilidade de capacitar ás persoas con discapacidade para mellorar a súa inserción profesional, a través de proxectos de formación adaptados, que alternan entre o emprego e a formación, e que habilitan para a obtención de certificados de profesionalidade.

Esta liña, da que resultou beneficiaria o centro especial de emprego vigués, favorece a inserción laboral do colectivo, ao brindar ás persoas desempregadas con discapacidade intelectual un contrato para o posto de traballo, exercendo as súas tarefas de xeito presencial con itinerarios formativos adaptados e estables de tres anos de duración.

“A Xunta está a apostar pola integración laboral de todas as persoas no sistema produtivo dando resposta a unha necesidade social esencial”, destacou Toca, quen lembrou que o  acceso ao emprego é un “elemento decisivo” para a participación das persoas con discapacidade na economía e na sociedade.

O Goberno autonómico ten orzamentada unha nova edición deste programa trianual de formación dual en Centros Especiais de Emprego para persoas con discapacidade intelectual con 0,5 M€ previstos este ano. A iniciativa enmárcase no Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social 2023 ao que a Xunta está a destinar máis de 44 millóns de euros en 2023 para favorecer o acceso ao mercado laboral das persoas con dificultades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2023