A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou hoxe un novo acordo de colaboración coa entidade

A Federación de Libreiros de Galicia renova a súa adhesión ao programa Carné Xove da Xunta

A xente nova que sexa titular do carné seguirá tendo descontos do 5% en libros e do 10% tanto en papelería como en material escolar en establecementos asociados á entidade e que forman parte do acordo


Sortearase cada mes un vale de 50 euros para gastar en calquera das librarías asociadas que forman parte do programa


As feiras do libro servirán de marco para a promoción de artistas noveis ou participantes no certame Xuventude Crea nas especialidades de Novela curta e Poesía

 

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Ramón Manuel Domínguez López, renovaron hoxe o compromiso de adhesión da entidade ao programa Carné xove da Xunta de Galicia. O obxectivo é fomentar a lectura entre as mozas e mozos que sexan titulares devandito carné, os cales seguirán tendo descontos do 5% en libros e do 10% tanto en papelería como en material escolar nos establecementos asociados que forman parte do acordo: preto de 110 librarías que se poden consultar en carnexove.xunta.gal.

 

Cómpre destacar que, en virtude deste acordo, e a maiores de aplicar os descontos, tamén se realizará un sorteo mensual dun vale de 50 euros entre as persoas usuarias do Carné xove. Este sorteo farase a través das redes sociais de Xuventude e a persoa gañadora poderá gastalo en calquera das librarías asociadas ao programa.

 

Así mesmo, a Consellería de Política Social e Xuventude e a Federación, comprométense a establecer sinerxías nas feiras do libro no marco do programa Carné xove. Con este fin, realizaranse actuacións como a promoción de artistas noveis ou participantes no certame Xuventude Crea nas especialidades relacionadas, como as de Novela curta e Poesía.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2023