A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con responsables da sociedade de pesca Club Deportivo Castillo Ulla-Deza

A Xunta valora o compromiso das sociedades de pesca coa conservación das contornas fluviais

Ángeles Vázquez explica que as actuacións realizadas polos socios destas entidades permiten a roza da vexetación, a habilitación de sendeiros e a colocación de bancos

 

Silleda (Pontevedra), 11 de abril de 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor o compromiso das sociedades de pesca coa conservación das contornas fluviais a través de diversas actuacións de coidado, mantemento e limpeza das marxes dos ríos.

 

Durante unha visita que realizou ao coto do Deza, na que estivo acompañada polo presidente do Club Deportivo Castillo Ulla-Deza, José Antonio Caldeiro, Ángeles Vázquez incidiu no traballo salientable que realizan os socios desta entidade na limpeza deste couto na que se practica a modalidade de pesca sen morte.

 

Nesa liña, as actuacións, que xa se levaron a cabo ao longo de máis dun quilómetros da marxe fluvial, aparte da roza de vexetación, permiten a habilitación de sendeiros á beira do río facendo pequenas infraestruturas necesarias para o paso da veciñanza, como pequenas pontes de madeira. De feito, cómpre salientar que algunhas das árbores alóctonas retiradas son utilizados para a construción das pontes necesarias para manter a traza do camiño.

 

A maiores, os socios desta sociedade de pesca, ademais de levar a cabo a colocación de bancos como áreas de descanso para os transeúntes, tamén realizan tarefas de mantemento periodicamente para manter en boas condicións os camiños.

 

Estes traballos desenvólvense ao abeiro dun convenio de colaboración que manteñen a entidade e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en virtude do cal a sociedade de pesca comprométese, entre outras cuestións, a manter en bo estado de uso os accesos, as sendas e os postos de pesca do couto; a realizar tarefas de xestión de residuos que se poidan xerar pola actividade pesqueira, e a dispoñer dun equipo que se dedique ao coidado, mantemento e limpeza das marxes do río e das súas sendas.

 

Cómpre lembrar que a nosa Comunidade conta con máis de 31.000 km de ríos, cun alto valor ecolóxico que enriquecen os valores naturais e paisaxísticos de Galicia. De feito, os corredores fluviais constitúen un dos principais reservorios de diversidade de especies silvestres de flora e fauna de Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2023