O conselleiro do Medio Rural compareceu hoxe no pleno do Parlamento de Galicia

A Xunta aposta pola mobilización da terra agraria como elemento fundamental na loita contra o abandono do territorio e os incendios forestais

José González asegurou que a través de figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, así como mediante concentracións parcelarias, desde o ano 2020 puxéronse en valor arredor de 35.000 hectáreas na Comunidade


Nesa liña, apuntou que a Lei de recuperación traballa da man da Lei de mellora da estrutura territorial de Galicia, buscando dinamizar o territorio e reforzar a viabilidade económica das explotacións mediante o aumento da súa base territorial


No marco dos traballos para a posta en valor da terra, tamén se referiu ao Plan de pastos ou ao Programa de recuperación de soutos tradicionais

 

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023

  O conselleiro do Medio Rural, José González, compareceu esta mañá no pleno do Parlamento galego para abordar a recuperación da terra agraria en Galicia, sinalando que desde o ano 2020 se teñen mobilizado arredor de 35.000 hectáreas mediante figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, así como mediante concentracións parcelarias.

Así, o conselleiro referiuse á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, vixente desde o 21 de maio de 2021, pensada como elemento fundamental na loita contra o abandono do territorio, contra o despoboamento do rural e fronte aos incendios forestais. Así, José González sinalou que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización e minimizar a complexidade da estrutura da propiedade na nosa Comunidade, co fin de reforzar a viabilidade económica das explotacións agropecuarias galegas ao ampliar a súa base territorial. 

Neste senso, o conselleiro matizou que esta norma traballa da man da Lei de mellora da estrutura territorial de Galicia, mediante a que se seguen a decretar e rematar concentracións parcelarias. Así, sinalou que ambas as dúas normas perseguen recuperar terra e favorecer a rendibilidade das explotacións galegas, as cales demandan máis e mellor base territorial. Uns obxectivos, apuntou, que tamén contaron co visto bo do propio Parlamento e dos axentes sociais, tales como as organizacións agrarias, as asociacións do sector primario e diferentes colexios profesionais.  

Para conseguir ditos obxectivos, explicou o titular de Medio Rural, leváronse a cabo unha serie de análises encamiñadas a localizar tanto a demanda como a oferta de terra agraria, mediante o lanzamento dunha Manifestación de interese de proxectos autonómicos no medio rural. Unha vez identificada a demanda, sinalou José González, buscáronse e identificáronse as zonas preferentes de actuación para dar cobertura a esa demanda e desenvolver diferentes instrumentos de mobilización de terras que impulsa a propia Lei de recuperación.

 
Instrumentos de mobilización e recuperación de terras

Así, co fin de avanzar na loita contra o despoboamento do rural á vez que se recupera a actividade agrogandeira da zona, subliñou o conselleiro, estase a potenciar a figura das aldeas modelo, que buscan poñer en marcha actividade económica orientada á produción de calidade, sempre desde o criterio da sustentabilidade social, económica e ambiental. Esa recuperación do territorio, engadiu José González, permite exercer a planificación preventiva do mesmo, freando así a afectación dos incendios forestais a través desa actividade agrogandeira posta en marcha arredor dos núcleos de poboación, un escudo natural que no pasado verán se puido comprobar cos lumes que pararon nas aldeas modelo de Parada dos Montes (no concello da Pobra do Brollón) e de Osmo (no municipio de Cenlle). 

Así mesmo, indicou José González, ademais de traballar nos terreos da contorna desas aldeas, búscase tamén rehabilitar de forma integral o seu núcleo, de maneira respectuosa cos criterios de arquitectura tradicional e empregando -na medida do posible- materiais de orixe galega, como a madeira. Así, a través dos plans de dinamización impulsados coordínanse actuacións públicas e privadas destinadas á dinamización e á rexeneración do núcleo urbano das aldeas. Ademais, subliñou, avógase tamén polas “aldeas intelixentes”, coa garantía da conectividade dixital, a autosuficiencia enerxética e a posta en marcha das últimas tecnoloxías nas explotacións agropecuarias que as integran.  

Neste sentido, o titular de Medio Rural fixo referencia aos polígonos agroforestais, outro instrumento desenvolvido pola Lei de recuperación que vén completar os obxectivos marcados por esta norma. Así, matizou que son unha ferramenta decisiva para a recuperación de terras porque permiten actuar en zonas de grande extensión e con diferentes características, sendo unha das zonas preferentes para a súa implementación as concentracións parcelarias que presentan un abandono superior ao 50%.

 

Nesa mesma liña, explicou José González, a Consellería ten en marcha un Plan de pastos de Galicia, mediante o cal se están a levar a cabo pasteiros e obras de infraestruturas asociadas a estas actuacións por toda a Comunidade, co fin de poñer en valor terreos que poidan ser empregados para a actividade gandeira. Así mesmo, no marco do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, apóstase polo Programa de recuperación de soutos tradicionais, estreitamente ligado á posta en valor destas áreas. En definitiva, matizou, todas estas ferramentas buscan a recuperación do rural galego, o seu aproveitamento e a súa conseguinte rendibilidade. 

Para iso, indicou o conselleiro, a propia Lei de recuperación establece dous instrumentos que favorecen dita mobilización de terreos: o Banco de Terras e o Banco de Explotacións. No caso do primeiro, eríxese como figura clave para o desenvolvemento das ferramentas de recuperación de terras -aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións de xestión conxunta-, mentres que o Banco de Explotacións ten como fin último poñer en contacto titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en incorporarse, garantindo así a continuidade das granxas e loitar así contra o abandono de terras.  

Por último, tamén teñen unha gran relevancia no marco da Lei de recuperación as permutas de especial interese agrario. Así, durante a súa intervención, o conselleiro indicou que xa hai en marcha un proxecto piloto en Friol, ao que se lle prevé dar continuidade noutros puntos de Galicia mediante o impulso desta ferramenta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2023