Os contribuíntes galegos beneficiaranse xa na campaña da renda de 2022 das medidas de alivio fiscal para loitar contra a inflación

A campaña da renda 2022 iníciase mañá coa presentación das declaracións por internet

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023 Os galegos e galegas beneficiaranse xa este mesmo mes de abril cando realicen a declaración da renda correspondente ao ano 2022, das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia para loitar contra a suba de prezos. A campaña da renda iníciase mañá coa presentación das declaracións por internet.

Neste sentido, entre as novidades a aplicar xa nesta declaración están a modificación da escala autonómica aplicable á base liquidable xeral do imposto sobre a renda das persoas físicas, reducindo os tramos de sete a cinco; a nova rebaixa do tipo aplicable ao tramo autonómico máis baixo do IRPF, que pasa do 9,4 ao 9%; a deflactación ao 4,3% da tarifa aplicable aos tres primeiros tramos da escala autonómica; e o incremento do mínimo persoal e familiar na mesma porcentaxe do 4,3%.

Tamén para o ano 2022, co fin de favorecer e propiciar o acollemento familiar, se modifica a dedución na cota do IRPF por acollemento, e suprímese o requisito da relación de parentesco entre o contribuínte e o menor en réxime de acollemento familiar.

Outras medidas vixentes

Nesta campaña, continúan vixentes as deducións aplicables na campaña do IRPF correspondente ao ano 2021 como a dedución por adquisición e rehabilitación de vivendas nos proxectos de aldeas modelo ou a modificación da dedución por investimento en empresas que desenvolvan actividades agrarias.

Así mesmo tamén seguen vixentes medidas de anos anteriores entre as que destacan as deducións por nacemento ou adopción de fillos, por familia numerosa, por acollemento de menores, por contribuíntes de 65 ou máis anos cunha discapacidade que precisen axudas de terceiras persoas, por gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías, polo alugueiro da vivenda habitual para contribuíntes de idade menor ou igual a 35 anos, ou por rehabilitación de bens inmobles situados en centros históricos.

Colaboración entre a Atriga e a AEAT

A Atriga vai colaborar coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) no desenvolvemento da campaña da renda 2022, e este ano reforzará con 36 funcionarios o servizo de atención aos contribuíntes galegos. A través das plataformas mixtas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación a través de asistencia telefónica ou asistencia presencial.

Data de actualización: 10/04/2023