Galicia rexistra un total de 730 casos activos por coronavirus
Un total de 692.872 pacientes xa están curados
A día de hoxe hai 578 pacientes en seguimento nos seus domicilios
O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023 A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 730, deles 154 son da área da Coruña, 76 da de Lugo, 112 da de Ourense, 86 da de Pontevedra, 115 da área de Vigo, 136 da de Santiago e 51 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 5 están en UCI, 147 en unidades de hospitalización e 578 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 692.872 persoas curadas, rexistrándose 4.116 falecementos.
Os últimos falecementos rexistrados por coronavirus foron:
Home de 84 anos, na área sanitaria da Coruña e Cee.
Muller de 85 anos, na área sanitaria de Vigo.
As persoas falecidas tiñan patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 4.066.948.
O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.642.370.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade permanece en alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves. Ademais, o Sergas ten a súa disposición a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Declaración responsable de autotest positivo e uso das máscaras
As persoas que obteñan un resultado positivo tras a realización dun autotest poderán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde. Así, poderán facelo a través da aplicación SergasMóbil.
Así mesmo, lémbrase o carácter obrigatorio do uso da máscara en determinados espazos interiores, como son os centros, servizos e establecementos sanitarios; as oficinas de farmacia, e no caso dos profesionais e visitantes dos centros sociosanitarios.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.