Trenor destaca o papel da Mostra do Encaixe de Camariñas como plataforma de divulgación e de renovación do oficio

A Xunta colabora habitualmente neste encontro que está consolidado como un im-portante escaparate da marca Artesanía de Galicia e un dinamizador económico da zona e do sector artesán galego

O delegado da Xunta invitou a todos os que aínda están a sopesar plans de última hora a visitar este evento porque é un acerto garantido para descubrir a beleza dos encaixes, a mellor gastronomía e a hospitalidade deste concello
 

Camariñas (A Coruña), 5 de abril de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na inauguración da XXXII Feira do Encaixe de Camariñas. Como xa é habitual, a Xunta colabora neste evento, que está organizado polo Concello de Camariñas e pola Deputación da Coruña, no que se dá a coñecer o oficio tradicional do encaixe que está en renovación continua grazas ao traballo de profesionais da artesanía e do deseño.  

A Mostra do Encaixe estase a consolidar como un escaparate da marca Artesanía de Galicia, un punto de encontro para o sector artesán e para a moda galega, así coma un motor de dinamización económica e turística da zona que axuda a proxectar a imaxe de Galicia e dos seus oficios no exterior.  

A mostra contará con demostracións en vivo, desfiles de moda, talleres de encaixe, actuacións musicais... e demais actividades programadas para a ocasión, e do mesmo xeito que en edicións anteriores, haberá multitude de casetas pertencentes a asociacións de toda Galicia, así como varias delegacións convidadas, e casetas internacionais de artesanía do encaixe. 

Na súa intervención Trenor destacou que “o encaixe é o sinal de identidade de Camariñas, polo que esta terra é coñecida e apreciada en todos os recunchos do planeta. A proba é que durante estes días pasarán por esta instalación turistas procedentes de todos os continentes”. 

Ademais, recalcou que “case o 60% das palilleiras galegas residen neste concello e no mesmo podemos atopar á venda estes finísimos traballos en multitude de tendas especializadas”. 

O delegado da Xunta rematou animando a todos a visitar este Concello: “se algún aínda está a sopesar plans de última hora, visitar Camariñas estes días é un acerto garantido. A mellor contorna, a mellor gastronomía, a mellor compañía e a beleza espectacular e cativadora dos seus encaixes”.  

A mostra abre as súas portas hoxe mércores 5 de 15.00 a 21.00 horas, o xoves 6, venres 7 e sábado 8 de 11.00 a 21.00 horas e o domingo 9 de 11.00 a 21.30 horas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2023