A Xunta destaca en Riós a colaboración coas entidades locais para favorecer o emprendemento feminino e loitar contra a violencia de xénero

Riós (Ourense), 6 de abril de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo un encontro no Concello de Riós, no que abordou os programas que en materia de emprego e igualdade de oportunidades pon a Administración autonómica a dispor dos concellos. Tal e como destacou, o Goberno galego considera imprescindible a colaboración cos municipios galegos para acadar máis e mellor emprego feminino e loitar contra todo tipo de violencias.

López Abella puxo en valor o papel das entidades locais para dar difusión aos recursos dos que dispoñen as vítimas da violencia de xénero, independentemente do seu lugar de residencia, así como outros servizos para mellorar a súa empregabilidade. Destacou que Riós dispón do Centro de Información á Muller Mancomunidade Conso Frieiras, e tamén se atopa no radio de acción do polo de Emprendemento Ourense Centro e Sur, no que se traballa man a man coas mulleres na atención ás súas necesidades. Son centros de referencia, dixo, para garantir a efectiva igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nesta contorna de configuración rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/04/2023