A Xunta avala o novo decreto de dependencia que facilitará e simplificará o acceso a servizos e axudas

Rueda asegura que o obxectivo é “reducir o papelame, eliminar duplicidades e acelerar o tempo ata que o dependente recibe a prestación”

Subliña que permitirá reducir a cantidade de documentos que deben presentar as persoas interesadas en obter un recoñecemento de dependencia, “ao pasar dunha ducia a dous: un informe médico e un informe social”

Ademáis unificará nun só procedemento os dous que se requiren agora para obter un recurso de dependencia: o de solicitude de recoñecemento de grao e o Programa individual de atención (PIA)

Redefinirá o concepto PIA para facelo máis completo e duradeiro
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou esta mañá o Proxecto de decreto de dependencia, que será remitido nos próximos días ao Consello Consultivo de Galicia e que permitirá facilitar e simplificar o acceso a servizos e axudas. “O obxectivo é reducir o papelame, eliminar duplicidades e acelerar o tempo ata que o dependente recibe a prestación”, indicou.

Rueda resaltou que grazas a este novo marco normativo, que se enmarca no Plan de choque da dependencia que ten en marcha a Xunta, vai cambiar “sustancialmente” o procedemento para obter a valoracion do grao de dependencia ou a prestación correspondente.

O decreto vai incidir en tres aspectos fundamentais. Por unha banda, a redución do número de documentos que deben presentar as persoas interesadas en obter un recoñecemento de dependencia. “De presentar unha ducia de documentos pasarase só a dous: un informe médico e un informe social”, indicou Rueda.

En segundo lugar, unificará nun só procedemento os dous que se requiren agora para obter un recurso de dependencia, o de solicitude de recoñecemento de grao e o Programa individual de atención (PIA). Tal e como explicou o presidente, na actualidade ata que non se finalizaba a valoración do usuario e se lle recoñecía un grao de dependencia non se realizaba o PIA. “Agora vaise tramitar todo o mesmo tempo”, indicou Rueda, quen explicou que con este decreto tampoco será necesario volver a iniciar todo o proceso no caso de que varíe a situación do usuario.

E en terceiro lugar, redefinirase o concepto PIA —a receita do servizo ou prestación que precisa cada persoa en función da súa situación— para facelo máis completo e duradeiro. Deste xeito, o programa comportará unha prestación económica pública e incluirá alternativas ao servizo preferido no caso de que a primeira opción do solicitante non conte con prazas dispoñibles nese momento.

Tal e como avanzou Rueda, os usuarios con o PIA aprobado e que non teñan acceso nese momento ao servizo solicitado poderán recibir xa desde o inicio a prestación económica.

Outras melloras

O novo decreto tamén inclúe outras melloras para axilizar e facilitar o traballo de profesionais públicos que valoran a dependencia, como crear novos centros de valoración ou facilidades para xustificar os pagamentos dos bonos de residencia, centro de día, axuda no fogar ou asistente persoal, e a redución no papelame para percibir a axuda por coidador no contorno familiar.


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2023