A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais domésticas na parroquia de Abeancos, no concello de Melide

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos de Augas de Galicia detectaron o foco no transcurso dos labores rutineiros de inspección levados a cabo nese municipio

Tras levarse a cabo as obras de conexión da vivenda coa fosa séptica existente, os técnicos confirmaron a emenda do vertido

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais domésticas ao dominio público na parroquia de Abeancos, no concello de Melide. 

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron o foco no transcurso dos labores rutineiros de inspección levados a cabo nese municipio, no lugar de Goxán Pequeno.  

A orixe da achega contaminante localizouse nas baixantes de augas pluviais dunha vivenda unifamiliar, que vertía directamente ao dominio público. 

Os técnicos de Augas de Galicia comunicáronlle ao propietario a necesidade de adoptar medidas correctoras.

Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos de Augas de Galicia verificaron a emenda do vertido, tras executarse a conexión das augas residuais xeradas na vivenda coa fosa séptica existente na mesma.

 

Data de actualización: 07/04/2023