A Xunta executará novas actuacións preventivas de illamento acústico na zona de decantación da estación depuradora de augas residuais dos Praceres

Os traballos incidirán nas medidas xerais implantadas na mellora do proceso de depuración da planta, para evitar novos focos de ruído na contorna das instalacións

A intervención conta cun investimento que rolda os 36.000 € e consistirá na instalación de pantalla acústica e cabina de insonorización na zona de decantación

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executará novas actuacións de illamento acústico dos equipos na zona de decantación da estación depuradora de augas residuais dos Praceres para minimizar as afeccións na contorna.

Os traballos, adxudicados á empresa Geseco Aguas S.A., por importe de 35.968 euros, incidirán nas medidas xerais implantadas nas obras de mellora do proceso de depuración da planta dos Praceres, a través da implantación de medidas secundarias para, de xeito preventivo, evitar novos focos de ruído na contorna das instalacións hidráulicas.

A través deste contrato, que conta cun prazo de execución de 2 meses, desenvolveranse os traballos encamiñados a reducir de xeito específico os posibles focos de ruído situados na etapa de decantación, na zona de recirculación e dosificación de area dos decantadores e nos tanques “actiflo”.

Para iso procederase á instalación de pantalla acústica metálica de 80 mm de espesor, formada por paneis de 1000 mm de altura, instalada sobre estrutura metálica. As dimensións totais acadarán os 6x3 metros.

Ademais instalarase unha cabina de insonorización para elemento en intemperie, de dimensións 1,5 x 1,5 x 1,5 metros, con apertura a instalar na dirección oposta á das vivendas máis próximas.

Data de actualización: 08/04/2023