A Xunta publica as novas axudas para persoas diagnosticadas con ELA

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle os requisitos para acceder a estas achegas de 12.000 euros ao ano, con carácter retroactivo desde xaneiro

O prazo de presentación das solicitudes ábrese mañá e rematará o vindeiro 30 de novembro

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de axudas dirixidas ás persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), que conta cun orzamento total de 3,2 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá xoves, 6 de abril, ata o vindeiro 30 de novembro deste ano.

A contía desta achega económica é de 12.000 euros ao ano, con carácter retroactivo desde o pasado mes de xaneiro. O obxectivo é prestar apoio ás necesidades que van xurdindo na evolución da ELA e reforzar a cobertura existente na actualidade a través do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia.

Coa axuda poderanse facer fronte aos gastos máis básicos como a alimentación, o coidado ou a rehabilitación, e tamén outros de grande importancia como a compra de material sanitario, guindastres, cadeiras de rodas, colchóns especiais ou camas articuladas. Así mesmo, servirá para adaptar fogares para realizar, por exemplo, melloras de accesibilidade en baños ou dormitorios, así como para a colocación de elevadores ou ascensores; ou para a compra de vehículos adaptados.

As solicitudes realizaranse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente poderán presentarse de maneira presencial por rexistro.

Data de actualización: 05/04/2023