A Xunta convoca seis cursos para persoal das forzas de seguridade no marco dun convenio entre a Agasp e o Sindicato Unificado de Policía

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a oferta formativa que prevé o acordo para este primeiro semestre, con 370 prazas

O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase ata 20 días naturais antes do inicio de cada sesión

A Estrada (Pontevedra), 5 de abril de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de seis cursos para persoal das forzas e corpos de seguridade que operan en Galicia no marco dun convenio entre a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e o Sindicato Unificado de Policía (SUP). As accións formativas desenvolveranse neste primeiro semestre e suman 370 prazas.

A primeira das sesións centrarase na cerrallaría e en técnicas avanzadas de apertura policial. Realizarase de xeito presencial os días 25 e 26 deste mes, con 35 prazas e cunha duración de 15 horas. Xa en maio, trataranse de xeito telemático a saúde mental policial, na xornada do 9, e a delincuencia económica e fiscal, na do 30. Ambos os cursos terán unha duración de seis horas e contan con 80 e 100 prazas, respectivamente.

Neste mesmo mes haberá outras dúas sesións presenciais. Os días 16 e 17 abordarase a operativa policial ao longo de 15 horas con ata 30 participantes, e o 23 tiro policial durante seis horas con ata 25 participantes. A oferta formativa da Agasp en colaboración co SUP para este primeiro semestre péchase o 6 de xuño cun curso en liña sobre drogas, con 100 prazas e seis horas de duración.

As prazas repartiranse entre Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil, cun 25 % delas reservadas para persoal afiliado ao sindicato. As persoas interesadas en participar deberán cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na web da Agasp. O prazo ábrese mañá e prolongarase ata 20 días naturais antes do inicio de cada curso e ata as 14,00 horas do día que corresponda.

As accións formativas convocadas forman parte da programación prevista pola Academia Galega de Seguridade Pública para este ano no eido da seguridade pública.

 

Data de actualización: 05/04/2023