O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes da Asociación Española de Coxeración

A Xunta apoia o sector da Coxeración na súa reclamación de contar cun novo marco regulatorio

A pesar de que en setembro de 2022 o Executivo central incluíu a coxeración no sistema de compensación do mecanismo ibérico —tal e como se reclamaba desde Galicia—, o sector pechou o ano cunha redución da produción do 52 por cento con respecto a 2021


No que vai de ano, entre un 30 e un 40 por cento das plantas seguen facendo paradas de actividade


A Xunta ve necesario, tamén, que o Goberno central convoque as poxas para adxudicar os 1200MW de coxeración que aínda están pendentes
 

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, trasladou hoxe o apoio da Xunta de Galicia ao sector da coxeración, que reclama ao Goberno central un novo marco regulatorio que garanta o seu futuro.

Conde mantivo esta tarde unha xuntanza con representantes da Asociación Española de Coxeración (Acogen), que integra 150 asociados entre os que destaca a industria fabricante de pasta, papel e cartón, a de alimentación e bebidas e os fabricantes de azulexos e pavimentos cerámicos.

Tal e como expuxeron na xuntanza, un dos principais problemas que vive este sector é o da incerteza regulatoria, posto que moitas plantas están preto do final da súa vida útil e aínda non saben se o Goberno decretará unha extensión que lles permita recibir retribución á operación durante máis tempo.

A pesar de que en setembro de 2022 o Executivo central incluíu a coxeración no sistema de compensación do mecanismo ibérico —tal e como se reclamaba desde Galicia—, o sector pechou o ano cunha redución do 52 por cento sobre a produción de 2021 porque, ao caer o prezo do gas, a medida practicamente non tivo efecto. No que vai de ano, entre un 30 e un 40 por cento das plantas seguen facendo paradas de actividade.

O sector reclama un novo marco para operar no cal, entre outras cousas, se modifique o prazo de pagamento das retribucións reguladas, se eliminen as horas mínimas de operación das plantas e as barreiras á hibridación con fotovoltaicas e eólicas en industrias que teñen coxeración. De feito, unha das tendencias actualmente é a transición á coxeración renovable a través da substitución do gas por outros gases renovables como o biometano ou o hidróxeno.

Para iso, outra das demandas do sector —do que en Galicia existen 63 instalacións cunha potencia de 501MW— é un marco para investir, para o que é necesario que o Goberno convoque as poxas para adxudicar os 1200MW de coxeración que aínda están pendentes.

A Xunta de Galicia súmase a estas reivindicacións porque considera indispensable para o futuro do sector que poida dispoñer dun marco favorable para as plantas existentes e para novos investimentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023