O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo visitou hoxe estas instalacións

A Xunta financia a posta en marcha dun programa de envellecemento activo para medio cento de persoas no centro de maiores do Pereiro de Aguiar

O Goberno duplicou a axuda, ata chegar aos 100.000 euros para financiar esta iniciativa, que permite recuperar ofrecer atención a maiores, obradoiros e actividades de ximnasia

 

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 3 de abril de 2022

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe o centro de maiores do Pereiro de Aguiar, no que a Xunta financia a posta en marcha dun programa de envellecemento activo e prevención da dependencia nestas instalacións ao que acoden medio cento de maiores da localidade.

O Goberno galego duplicou este ano a achega a este programa e acadou os 100.000 euros. Deste xeito, os veciños de máis idade do Pereiro de Aguiar poden recibir atención, terapias e programas de aprendizaxe tecnolóxica ou recuperación cognitiva sen ter que trasladarse a outro municipio.

 

Pola súa banda, Antón Acevedo lembrou que a Administración autonómica ten entre o seu eixo prioritario de acción a atención a persoas maiores. Por iso, ten en marcha un gran abano de medidas dirixidas a eles, como o programa de Coidados porta a porta, que leva servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria por todos os concellos galegos agás as sete cidades; a teleasistencia, que permite recibir axuda con tan só pulsar un botón; ou o Servizo de Axuda no Fogar, que leva coidados profesionais a máis de 26.000 fogares e ao que se destinarán o vindeiro ano máis de 112 millóns de euros.

 

Máis prazas públicas en Muíños

Desde este mes de abril o concello de Muíños conta con 20 novas prazas públicas na Residencia de maiores Virxe da Clamadoira. O Goberno galego vén de concederlle estas prazas ao centro por licitación pública, cun orzamento de 2,6 millóns de euros. O Goberno galego continúa incrementando as prazas públicas sostidas con fondos públicos na Comunidade. Triplicou o número desde 2009 ao pasar de 5000 a máis de 14.000.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023