A Xunta apoia o ‘Encontro da cultura do viño da Ribeira Sacra’, que se desenvolverá en Taboada en xuño

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego colabora coa asociación de comerciantes e industriais para desenvolver o programa, que inclúe actividades divulgativas, culturais e lúdicas para todos os públicos

Lugo, 3 de abril de 2023

A Xunta de Galicia apoia o Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (Acimta) que inclúe diferentes accións de dinamización entre os meses de xuño e outubro e que terá o seu acto central a segunda fin de semana de xuño.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, mantivo unha xuntanza coa presidenta da agrupación empresarial, Tamara Castro, e o alcalde de Taboada, Ramiro Moure, para abordar as accións previstas coa colaboración da Administración autonómica.

Os organizadores buscan divulgar a cultura do viño prestando especial atención ás xentes que viviron en primeira persoa o proceso de transformación da Ribeira Sacra. O programa vai dirixido a todo tipo de públicos e incluirá actividades divulgativas, culturais e lúdicas -roteiros para dar a coñecer o territorio, proxección de material audiovisual, montaxe dunha sala expositiva, encontros, catas informais ou faladoiros nos que terán moito protagonismo as mulleres -.

Haberá así mesmo accións específicas que permitirán afondar en aspectos máis técnicos do sector, dirixidas a profesionais ou a persoas con interese en ampliar os seus coñecementos neste eido.

Arias puxo en valor o potencial do sector do viño para “dinamizar o territorio e xerar riqueza” e apuntou que “actividades como esta contribúen a divulgar os valores excepcionais da Ribeira Sacra”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023