O mandatario galego presidiu a toma de posesión do novo delegado do Goberno central en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro

Rueda ofrece ao Goberno central “máis consensos que desencontros” e pide ao novo delegado que exerza de avogado dos intereses de Galicia ante o Executivo

Adiántalle que a Xunta seguirá traballando intensamente en facer realidade as “grandes reivindicacións” de Galicia, entre as que sitúa as melloras en infraestruturas, o “bo aproveitamento” dos fondos Next Generation, o desenvolvemento das competencias autonómicas e solucións aos problemas da sanidade galega
 

Defende que a “folla de ruta” de Galicia non pode ser ideolóxica nin partidista, senón asumible por administracións “de todo signo” para acadar que a Comunidade avance
 

A Coruña, 3 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofreceu hoxe ao Executivo central “máis consensos que desencontros” e pediulle ao seu novo delegado en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, que exerza de “avogado dos intereses” da Comunidade ante o Goberno de España. Así o defendeu na súa intervención no acto da toma de posesión, no que lle garantiu “lealdade e colaboración” por parte da Administración galega.

Como representante ordinario do Estado en Galicia, Rueda amosouse honrado de presidir esta toma de posesión, que encadrou dentro dunha “nova demostración da normalidade institucional” que considerou “marca” da Comunidade. Precisamente, apelou ao deber de todas as persoas con responsabilidades públicas de facer de Galicia “un refuxio fronte as turbulencias”. “O noso paso polas institucións só terá sentido se contribuímos á estabilidade”, advertiu.
 
Por este motivo, o presidente galego rexeitou o “roce polo roce” e a “confrontación sistemática”, que interpretou que xa non teñen sentido na política da España pospandemia. Non entanto, aclarou que esta procura de consensos non significa que as Administracións “deban estar sempre de acordo”, aínda que se amosou partidario de que os lexítimos diferentes puntos de vista “non leven a desentenderse nunca do ben común”.
 
“Traballo e traballarei para que a Xunta teña co Goberno central moitos máis consensos que desencontros”, comprometeuse Rueda, quen neste senso, amosouse convencido de que ambas administracións serán capaces de crear “estabilidade, certezas e unidade no esencial” co obxecto de solucionar as dificultades e problemas da xente e serlle útil.  

Grandes reivindicacións desde a lealdade

Por este motivo, adiantoulle ao novo delegado do Goberno que a Xunta seguirá traballando intensamente ante o Executivo central para facer realidade as “grandes reivindicacións” da Comunidade. En concreto, apuntou á melloras nas infraestruturas, o bo aproveitamento dos fondos Next Generation, o desenvolvemento das competencias autonómicas, e que se aporten solucións aos problemas da sanidade galega, que considerou comúns aos do resto do Estado.

“A folla de ruta de Galicia non pode ser ideolóxica, nin partidista, ten que ser asumible polas institucións, administracións e responsables políticos de todo signo, e así será posible que esta terra avance”, concluíu o presidente da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023