O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do concello, Jorge Cubela, visitaron aos residentes
A nova residencia de maiores pública da Xunta en Cerdedo acolle aos seus primeiros usuarios
Investíronse dous millóns de euros nestas instalacións, que teñen capacidade para aloxar a un máximo de 46 persoas
Conta cunha área de atención especializada con servizos de rehabilitación, enfermaría e xeriatría, ademais dunha ampla zona axardinada exterior
A nova residencia de maiores de Cerdedo, pertencente á rede pública autonómica, xa acolle aos seus primeiros usuarios. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do concello, Jorge Cubela, visitaron hoxe aos residentes que inauguran estas instalacións nas que a Xunta de Galicia investiu dous millóns de euros.
Perfecto Rodríguez destacou que este novo centro é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego de levar os coidados e atencións que necesitan as persoas maiores alí onde viven, xa sexa nunha cidade ou en concellos máis pequenos e con menos poboación. Así mesmo, destacou que nesta residencia os seus usuarios teñen todas as comodidades, con habitacións amplas, accesibles e dotadas de ventilación e iluminación natural.
Este centro residencial de Cerdedo conta con capacidade para aloxar a un máximo de 46 persoas en habitacións dobres e todas elas dotadas de aseo e duchas propias. Así mesmo, dispón de tres zonas diferenciadas: área de administración, área residencial e área de atención especializada na que se encontran os servizos de rehabilitación, enfermaría e xeriatría. Ademais, os usuarios teñen unha ampla zona axardinada exterior para descansar, facer actividades, pasear e desfrutar das visitas dos seus familiares.
Melloras no centro de día e fogar residencial
A nova residencia comparte parcela cun centro de día e fogar residencial, que tamén forma parte da rede pública autonómica, e que oferta 30 prazas de atención diúrna e 18 residenciais. O xerente do Consorcio anunciou que se acometerán obras de mellora nas habitacións desta infraestrutura por un importe de 30.000 euros. O ente autonómico financiará estes traballos para o que asinará en vindeiras datas un convenio de colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade.